O pasado día 24 de outubro Xurxo Souto, un gran referente da cultura e da música galegas veu ao noso centro para facer un breve percorrido histórico polos referentes do rock en Galicia e antes de facelo estivo uns minutos co alumnado do Club de Lectura do IES de Quiroga, que lle realizou unha entrevista.
De todas as as actividades nas que participas, cales son as que che gustan máis?
Todas as actividades nas que participo son exactamente a mesma; quero dicir, a música, a literatura, a comunicación… É sempre o mesmo. Vivimos nun país alucinante, marabilloso, pero do que só nos contan unha parte… É un proceso de coñecemento e descuberta. Eu chego aquí, vouvos contar as miñas historias… Pero vou tamén, á volta, levar moitas historias de Quiroga e desta parte do mundo.
Foi difícil facer unha licenciatura en filoloxía clásica?
(Rindo) Coma todos os estudos, xa sabedes… Na universidade hai que estudar e Filoloxía Clásica á parte ten sona de concienzuda: estudar latín, estudar grego… Tenche que gustar. E se che gusta a cultura antiga é marabillosa. Todas esas claves do coñecemento, sobre todo do latín, permítenche coñecer tamén mellor o teu presente. Foi sinxelo… e divertido.
De onde che vén a paixón pola música?
De onde nos vén? É que somos un pobo de artistas. As galegas e os galegos estamos rodeados de música por todas partes. Comunicámonos con música […] E logo, eu en concreto, vivo nunha cidade como A Coruña onde chegan músicas de todas partes. Dende as tradicións rockeiras contemporáneas ás músicas que viñan de América. O meu avó fora fundador dunha orquestra, Os Satélites da Coruña (“Así fue que empezaron papá y mamá…”, cantaruxa a modo de exemplo). Estamos totalmente rodeados de música, somos un pobo de artistas e temos que reivindicalo sempre.
Como che deu a idea de ter unha banda de rock como Os Diplomáticos?
Porque somos un pobo de artistas. E porque non hai nada máis divertido que tocar ti, subirte ao escenario e tocar ti, aínda que toques mal… Podes escoitar aos Rolling Stones, é marabilloso, estás alí, véndoo… Pero tocando ti, aínda que o fagas con moitas máis limitacións, é unha experiencia grandiosa. Seguro que algún de vós é músico, non?… (bota unha ollada ao redor e varios asenten)
Sabedes do que falo. Entón tes a oportunidade de compartir, de expresarte, tanto que saia ben como que saia mal pero… esa experiencia é marabillosa e, polo tanto, recoméndolla a todo o mundo. Non hai cousa máis fermosa no mundo que ter un grupo musical!
Atopaches algunha dificultade para facer música en galego?
Ningunha. É máis, dicíamos que Os Diplomáticos faciamos música en galego por motivos comerciais. Somos dunha cidade, A Coruña, onde din os tópicos que ninguén fala galego: todo o contrario, no noso barrio, todo o mundo falaba en galego, toda a xente maior polo menos. E polo feito de facelo en galego, faciamos algo diferente… iamos moi ben cando tocábamos por aquí, por Galiza, pero sobre todo íanos moi ben cando iamos a Madrid, ou a Barcelona… Por que? Nós sabemos o que pasa alí musicalmente, pero eles non tiñan nin idea de que existimos e cando chegamos cos nosos argumentos, quedaron coa boquiña aberta. Cantabamos en galego por motivos comerciais.
Quen é a túa inspiración?
A vida, a natureza… chegar aquí neste ouridourado outono e ver xa as ribeiras do Sil, o Lor que mira cara ás montañas, doutro lado San Clodio (coa tensión, as rivalidades históricas entre Quiroga e San Clodio) e do outro lado do monte, alá por alá arriba, Manzaneda, onde fan a festa da Rebusca… a nosa contorna.
Somos un pobo de artistas: se escoitamos sobre todo a xente da nosa contorna, a xente maior estamos recibindo argumentos absolutamente marabillosos.
E pola túa experiencia en Aberto por reformas, que papel cres que desempeñan os medios de comunicación na promoción da música galega?
Os medios de comunicación públicos en galego foron unha revolución marabillosa, xa sabedes que hai moitos anos o galego non se vía… non estaba considerado dentro do ensino, non se aprendía galego. Cando eu nacín non existían medios de comunicación en galego, non existían a televisión galega nin a radio galega; considerábase que o galego non era digno dos medios de comunicación. Se os nosos medios de comunicación están activados, serven para promocionar a música en galego, neste caso é unha revolución. A vós xa vos colle un pouquiño lonxe pero na miña época chegou o Xabarín Club no que unha serie de grupos galegos lanzaron video-clips en galego, e foi unha revolución marabillosa.
Cando estiven na radio dicíanme que non había música galega dabondo para encher unha hora diaria… Non era certo. Agora que se está a promocionar menos o que lle teño que dicir aos medios é que cumpran co seu cometido e que promocionen a música en galego porque xa sabedes, somos un pobo de artistas!
Que te levou a escribir os libros?
Xa o comentei… a vida; cando vas polo mundo estás recibindo historias marabillosas; hai dous días estiven en Foz e cóntame a xente de Foz que alí ían pescar a Ondarrua ao País Vasco o bocareu: xa é unha historia alucinante.
Logo tiven a sorte de andar por Entrimo, hai uns anos. Entrimo está na raia de Portugal, alí dicíanme que había unha especie de Robin Hood galego que lle chamaban Tomás das Quingostas (“o pobre non ten e o rico non dá”). Pois ben, temos todas estas historias, o que hai que facer é compartilas en forma literaria, por exemplo.
Que libro nos recomendas para ler?
Primeiro un libro de ensaio que se chama O outro lado da música e a poesía de Luísa Villalta, un libro no que che explica toda a historia da literatura galega en clave musical. E logo, pois… en prosa, un clásico, eu diría por suposto Álvaro Cunqueiro: Non Merlín e familia, que iso é para adolescentes; As crónicas do Sochantre, que é Cunqueiro para adultos, onde hai vicio, hai asasinatos e hai violencia. En fin, por exemplo, As crónicas do sochantre e O outro lado da música e a poesía.
Que che gustaría facer que aínda non fixeches?
Son unha persoa feliz nese sentido. Claro, xa sabes o que din os filósofos metafísicos: “non sabemos de onde vimos nin cara a onde imos’’, pero sabemos que estamos nun mundo absolutamente marabilloso, cargado de estímulos e ter a posibilidade de andar polo mundo apeando historias e compartindo historias é moi fermoso. Son unha persoa feliz.