Tradicionalmente a literatura é un espazo creativo non só para a ficción, senón para amosar o contexto histórico e social no que se relatan determinadas historias. No eido da literatura inglesa, son ben coñecidas obras breves como The Yellow Wallpaper (1892) de Charlotte Perkins, ou Mrs. Dalloway (1925) de Virginia Wolf, onde se expoñen contextos similares, nos que a muller aparece representada nun mundo que a ignora e a invisibiliza chegando incluso a non ter nome, como no caso do relato breve de Perkins. Estas obras amosan as consecuencias directas dunhas vidas cheas de ansiedade e marcadas pola imposibilidade de ser dona de si.
Afortunadamente, e sen esquecer todo o camiño que queda por percorrer, tanto as reivindicacións como a loita feminista acadaron unha maior repercusión social a partir da súa terceira vaga, no principio da década dos 90 do século XX. A voz da muller pasou a ser un tema de actualidade e de necesaria implicación en numerosos aspectos sociais que fixeron que, pouco a pouco, as mulleres comezaran a estar presentes dun xeito diferente nos panoramas literarios arredor do mundo. Actualizar a literatura ao século XXI implica a posibilidade de amosar unha pluralidade de voces que axuda a amosar aquelas tradicionalmente silenciadas. No caso destas “Sad Brown Girls”, denominadas en principio pexorativamente e autoproclamadas como tal como mostra de orgullo, amosan as posibilidades que o contexto histórico e social actual ofrece para proxectar a voz.
Estas “tristes rapazas morenas” son mulleres novas, fillas dunha xeración de migrantes (do sur de Asia, do Caribe e doutros países en vías de desenvolvemento) que se estableceron en países anglofalantes como Inglaterra, EEUU ou Canadá. Son fillas da mestura de culturas. Participaron na cultura dos seus países de orixe e na cultura dos países nos que residen actualmente e nos que creceron. Foron desarraigadas xa que a cultura dos seus pais quédalles lonxe no espazo e no tempo. Tampouco se senten integradas nin comprendidas nestas sociedades de fala inglesa, ás veces hostís e con prexuízos pola cor da pel.
Estas autoras, artistas multidisciplinares, souberon usar e manexar as novas tecnoloxías (redes sociais) e aproveitar as vantaxes que ofrecen para crear e difundir a súa obra. En xeral, usan as formas tradicionais de difusión e financiamento da literatura e doutras artes e amosan predilección pola poesía como expresión. Na súa poesía predomina a temática feminista, social , solidaria e étnica. Enfrontan cuestións da súa cultura: música, comida, danza, relixión e a música da linguaxe falada. Tratan temas que fan referencia á súa cultura e aos problemas e tabús de desa sociedade. Tamén critican os prexuízos da cultura dos seus antepasados. Nos seus escritos presentan un rexeitamento cara ao machismo e fan referencia á inmigración da muller que se enfronta ao odio desta cara á cultura dos seus pais.
Nayyirah Waheed: É unha poeta afroamericana moi popular en redes como Instagram e Tumblr. Non hai apenas imaxes do seu rostro. Os seus seguidores, e ela mesma, difunden os seus micro-poemas en memes e incluso tatúanse os seus favoritos. A revista Jet Magazine, chegou a cualificala como a “poetisa máis famosa de Instagram” nun artigo de marzo de 2017.
Empezou a escribir aos 11 anos despois de que un profesor lle asignara unha tarefa para a aula. Consistía en facer un poema para un xornal da comunidade, a partir desa tarefa Nayyirah describiu un novo medio de autoexpresión. Ela mesma admite que a súa escritura está influenciada por autoras como Maya Angelou ou Sonia Sánchez.
Waheed leva publicados dous poemarios, o último deles en 2015 baixo o título de Nejma, que seguía ao afamado Salt (2015) do que seleccionamos o seguinte poema:
There have been so many times
I have seen a man wanting to weep
Imáxenes da rede.