Alumnos de 5º e 6º de Primaria deste centro súmanse ao proxecto educativo que pon en marcha El Progreso e que é pioneiro en Lugo
Xa está en marcha o proxecto educativo ideado polo xornal El Progreso, co patrocinio de Leyma Natura, do grupo Leche Río, que propón converter a escolares de Lugo e da súa provincia de entre 10 e 16 anos —de 5º de primaria a 4º de ESO— en xornalistas. Poderán facelo participando, por centros, nun concurso para o que prazo de inscripción xa está aberto e se prolongará ata o 31 deste mes de outubro, e que consistirá en elaborar un xornal de 32 páxinas. Iso si, hai tempo: teñen ata o 15 de maio do ano que vén para rematalo, case o curso enteiro.
O gran premio para os tres grupos que resulten gañadores por ser os mellores —este grupos non deberán superar os 30 alumnos— será que os rapaces e os seus titores neste proxecto pioneiro en Lugo poderán ver impresos os seus traballos, que sairán da rotativa de El Progreso no Ceao coma se dun xornal de verdade se tratase. Aínda que iso non será todo, porque tamén haberá premios individuais en varias categorías a concurso.
Pero o máis importante son os obxectivos que se pretenden con esta iniciativa: que os nenos lean e escriban traballando en grupo achegándose a un maior coñecmento da actualidade e, en segundo lugar, dotar aos mestres e profesores das ferramentas adecuadas para acadar esa finalidade. Para iso El Progreso valeuse dun sinxelo programa de código libre, o Scribus, moi fácil de utilizar cando se conta coas maquetas elaboradas, nas que os rapaces poderán meter por si mesmos tanto os textos como as fotos que acompañarán ás informacións. Neste punto hai que lembrar que, no seu persoal xornal, cada grupo deberá incluír unha reportaxe ou artigo sobre os beneficios do leite e do sector lácteo en xeral, tan importante na provincia.
participación. O CEIP Rosalía de Castro da capital, que dirixe Loli Freire Fernández, tivo claro que quería participar neste interesante proxecto «porque traballamos moito coa tecnoloxía e porque, ademais, o proxecto céntrase na redacción e pareceunos moi interesante que os nenos puidesen abordar esa competencia lingüística tan importante dende outro rexistro, o xornalístico», explica. Tanto é así que vai participar todo o alumnado de 5º e 6º, entusiasmados coa idea «porque ademais é novidosa e iso motiva máis aos pícaros», conclúe a directora.