OS DEPARTAMENTOS DE FÍSICA E QUÍMICA, TECNOLOXÍA, MATEMÁTICAS E MÚSICA REALIZARON OBRADOIROS DIDÁCTICOS PARA CELEBRAR O DÍA DA CIENCIA NA NOSA LINGUA


A actividade práctica e lúdica que se realizou co motivo da conmemoración do “Día da Ciencia en Galego”, fixo as ledicias do alumnado do IES de Becerreá. Durante os períodos de lecer, no vestíbulo do centro, os días 20, 21 e 22 de novembro realizáronse obradoiros prácticos, sobre os inventos de Arquímedes e “O Pórtico da Gloria” do Mestre Mateo, xa que este ano se dedica a esta temática. As actividades estiveron apoiadas por unha exposición, onde se reflictían os contidos traballados.

Para a ocasión o Departamento de Física e Química construíu un Ludión ou Demo de Descartes, que consiste nun dispositivo ideado por Descartes, co que se experimentan dous dos Principios fundamentais da hidrostática: o Principio de Pascal, e o Principio de Arquímedes, ademais recrearon un dos experimentos de Arquímedes consistente nun sistema de poleas.

O Departamento de Tecnoloxía foi o encargado da contrucción dun Parafuso de Arquímedes, que é unha máquina gravimétrica helicoidal utilizada para a elevación de auga, fariña, cereais ou material escavado. Foi inventado no século III a. C. por Arquímedes, do que recibe o seu nome, aínda que existen hipótese de que xa era utilizado no Antigo Exipto.

O alumnado de 1º da ESO de Música realizou unha exposición sobre "Os 24 Anciáns Sabios do Pórtico da Gloria", que rematou cun animado kahoot no que participou todo o centro.

Para rematar o Departamento de Matemáticas, axudounos a descubrir o número Pi de forma práctica.