Todo o alumnado de secundaria do colexio marista da capital lucense sumáse ao novidoso proxecto educativo que abandera El Progreso
Son algo máis de 250 os alumnos que neste curso 2016-2017 cursan os seus estudos de Secundaria no CPR Marista La Inmaculada da capital lucense, e todos eles van participar no proxecto educativo Escola de Prensa El Progreso, que está poñendo en marcha este xornal co patrocinio de Leyma Natura, do grupo Leche Río.
O traballo vai estar coordinado polo Departamento de Lengua do centro, ao que pertence Daniel Vázquez Vila, profesor desa disciplina e tamén de Oratoria, e un dos responsables da aplicación deste proxecto pioneiro para que os rapaces aprendan como se fai, e mesmo a facer, un xornal.
Tanto a dirección como o profesorado das distintas áreas que van participar —trátase dun programa interdisciplinar e integrador— estiman esta Escola de Prensa como coincidente en gran medida co modelo pedagóxico que se aplica neste colexio, apostando por un ensino no que as distintas áreas colaboran entre si para a formación integral e o máis completa posible do alumno. Por iso, unha vez posta en marcha a iniciativa entre os rapaces de ESO, valoran xa a posibilidade de estendela tamén aos de quinto e sexto de Primaria.
O programa non fixo máis que botar a andar cos maiores que, como explica Daniel, «están coa primeira toma de contacto sobre o que é un xornal, como se fai, as distintas seccións en que se divide, os xéneros xornalísticos —noticia, reportaxe…— e estámolos implicando ao máximo porque non só lles explicamos os profesores, senón que eles mesmos van recompilando esa información vehiculada a través de distintas materias».
integración na programación académica. Así, o traballo non só se reduce ás clases de Lengua e Lingua, senón que noutras como Sociais tamén se abordará o proxecto. «Este vai estar introducido dentro da programación académica deste curso, non vai ser algo illado, de xeito que cando nunha materia rematen unha unidade ou unha sesión, os alumnos poderán, por exemplo, elaborar unha noticia, reportaxe… sobre as temáticas que se veñan de tratar nas xornadas lectivas precedentes», aclara Daniel Vázquez.
Ata o 31 de outubro está aberto o prazo para que os centros educativos se sumen á Escola de Prensa, concebida tamén como un concurso escolar.