Montefurado en perigo
Entre os numerosos puntos de interese natural e cultural incluídos na proposta do parque xeolóxico feita á UNESCO polos concellos de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel (Courel Mountains) destaca o túnel de Montefurado.
Nestes últimos anos, os expertos alertaron da necesidade de facer estudos en profundidade para coñecer o verdadeiro estado desta importante obra da enxeñaría romana, despois da deterioración sufrida ao longo da súa historia recente entre os que se ten constancia de varios derrubamentos ao longo do século XX.
A construción deste túnel lévanos á época dos romanos, cando estes conquistadores viñeron ás nosas terras e comezaron a aproveitar os numerosos recursos naturais que aquí se achaban (e aínda se achan). Entre as numerosas explotacións mineiras auríferas romanas no noroeste da Península destacan as grandiosas Médulas de Caurecedo e o desvío do leito do río Sil mediante a escavación de Montefurado. No territorio da proposta para Xeoparque Mundial da UNESCO hai inventariadas máis de 100 explotacións auríferas romanas de distintos tipos, o que debeu satisfacer os obxectivos dos romanos para esta zona.
Na obra do túnel de Montefurado, os romanos desviaron o curso da corrente nun treito que coincidía cun amplo e acusado meandro areoso que, deste xeito, quedaba libre para recoller máis rápido e con maior facilidade do seu leito desecado as áreas de ouro que arrastraba e aínda arrastra o río Sil. No ano 1995, realizouse un informe para que Montefurado acadara a declaración de Ben de Interese Cultural Nacional; neste informe que acredita o valor deste resto arqueolóxico destaca a confirmación de que se trata do túnel artificial de maiores dimensións e máis antigo dos abertos na Península Ibérica, e un dos poucos realizados polos romanos en todos os territorios que chegaron a ocupar.
Como diciamos ao comezo, esta importante obra é, entre outras, un dos elementos máis destacados do Patrimonio Mineiro cos que conta a Comarca de Quiroga como recurso para optar a converterse no primeiro Xeoparque de Galicia.
Son varias a voces dos expertos que alertan sobre un posible afundimento do túnel feito polos romanos. O primeiro (e máis crítico) foi Juan Ramón Vidal Romaní, director do Instituto de Xeoloxía da Universidade da Coruña, que asegurou que, de non tomarse medidas urxentes, a obra dos romanos achégase a un colapso inminente.
Recentemente, Miguel LLorente Isidro, delegado en Galicia do Instituto Geológico y Minero de España (IGME) propuxo realizar canto antes unha «radiografía» do túnel para coñecer a súa estrutura con maior exactitude e avaliar entón que facer ao respecto.
O que si parece certo despois de escoitar estas e outras opinións é que os organismos da Administración con competencias nesta materia deberían tomar medidas de xeito inmediato para afrontar o problema antes de que sexa demasiado tarde. O Concello de Quiroga, onde se atopa emprazado o túnel (e un dos tres da Comarca implicados no proxecto de Xeoparque), agarda que definitivamente se interveña na conservación desta importante obra construída polos romanos. Cómpre sinalar tamén que xa no ano 2013, dende a Administración Local, se solicitara a declaración de Ben de Interese Cultural Histórico é Arqueolóxico para o túnel romano e a zona mineira de Montefurado.
A resposta da Xunta polo de agora foi encargar un estudo pormenorizado do estado real deste resto arqueolóxico, o que non parece suficiente tendo en conta o risco de que aconteza algún derrubamento.
QUE É UN BIC?: Un BIC ( Ben de Interese Cultural) é calquera inmoble e obxecto moble de interese artístico, histórico, paleontolóxico ,arqueolóxico, etnográfico ,científico ou técnico, declarado como tal pola administración competente. Tamén pode ser declarado como BIC o patrimonio documental e bibliográfico , os xacementos e zonas arqueolóxicas, así como os sitios naturais , xardíns e parques , que teñan valor artístico , histórico ou antropolóxico.