“Imos ver o Vindel”. Con estas palabras cada un de nós informou na casa de que iamos de excursión a Vigo. E… vaia coa excursión porque desde que se propuxo ata que concretamos todo aínda pasou ben tempo. Mais despois entendemos a demora.
O 28 de novembro chegou e alá fomos os grupos de 3º e 4º da ESO. Unhas 3 horas de camiño por diante ata chegar ao Museo do Mar, en Vigo. Alí, estivemos durante unha hora vendo as instalacións e vimos de todo!!
En realidade, neste museo pódese coñecer a actividade pesqueira en todos os seus ámbitos, así como o seu desenvolvemento no discorrer da historia: a pesca, o marisqueo e a acuicultura, os métodos de conservación, desde os antigos sistemas de salazón aos modernos de conxelación, os avances técnicos nas embarcaciones ou a bioloxía mariña. Incluso quedamos pechados sen querer no aquarium!! Aínda que o que nos gustou moito foi poder ir libremente, visitando as diferentes salas.
Cando nos dividiron en dous grupos, comezou o interesante. Mentres un grupo se divertía nun taller didáctico sobre a medicina árabe e romana, os demais ían coñecer o famoso “Pergamiño Vindel”. Creo que non minto se digo que ningún de nós lle daba moita importancia a ese “anaquiño” de papel. Cando a fantástica guía comezou a explicar, non sabiamos que ao chegar ao final estariamos todos impacientes para ver o famoso pergamiño. E non era para menos!! Alí estaba el: o pergamiño que fora copiado a finais do século XIII ou comezos do XIV e que contiña sete cantigas do trabador galego Martin Codax; e que agora tiña un montón de sistemas de seguridade ao seu redor.
Descubrimos que o descubrimento desta xoia literaria fora ao azar. O seu descubridor, Pedro Vindel, atopouno na súa librería (en 1914), forrando o interior dun exemplar de De officiis, de Cicerón (do século XIV). Ao pouco tempo desapareceu pero, en realidade, fora pasando de man en man, desde Suecia a Londres e desde Londres a Nova York, ata acabar na J. Pierpont Morgan Library, onde se conserva desde 1977. E 40 anos despois, conseguiuse traer de volta á súa terra mais, tristemente, só estará exposto no Museo do Mar desde outubro do 2017 a marzo de 2018. Foi tal o interese dos galegos polo pergamiño que, ao pouco tempo de chegar, case non había horas libres para poder coñecelo.
Cando por fin vimos o pergamiño, dentro dunha urna de cristal, puidemos comprobar que mide uns 34 x 45 cm; está escrito por unha soa cara a catro columnas, con 26, 24, 23 e 17 liñas respectivamente; as iniciais están ornamentadas en azul e vermello; o nome de Martín Codax aparece na parte superior do pergamiño, en vermello; e foi elaborado por varias mans.
O interesante vén agora: a primeira columna contén 5 pentagramas; a segunda, 6; a terceira, 6 e a cuarta, 4. E por que isto é interesante? Pois porque das sete cantigas, seis delas conteñen a notación musical. Esta peza xunto coas cantigas de amor de Don Denís (no Pergamiño Sharrer) son as únicas mostras que transmiten a canción profana galego-portuguesa.
Ao mediodía, comemos no CUVI (Universidade de Vigo), onde nos perdemos unha morea de veces ata dar cun sitio no que comer a gusto. Despois diso, visitamos os diferentes edificios universitarios, cousa que nos encantou. Alí, puidémonos imaxinar, sentados entre os universitarios, como algún día tamén nós estudariamos nalgunha daquelas enormes facultades.
Tras un merecedísimo descanso, collemos rumbo a Pontevedra e desde o bus puidemos ver as tristes imaxes que se presentaban ante nós: os montes estaban todos queimados. Todo o que vimos na televisión semanas antes parecía unha nimiedade con respecto ao que estabamos a ver.
Máis tarde, chegamos a Pontevedra, onde estaba o albergue no que iamos pasar tan ben. Repartimos cuartos, fixemos as camas e saimos dar unha volta pola cidade. Chegamos ata o Museo de Pontevedra, onde visitamos varias salas: a da Prehistoria, a sala de Castelao e tamén a exposición de algo moi próximo a nós: a cerámica de Sargadelos. Gustounos bastante e impresionounos a arquitectura dos edificios.
Logo diso, deixáronnos tempo libre que utilizamos para pasear, merendar, mercar… Lembramos que quedaramos a unha hora concreta na estación de autobuses para cear e, para atopala, tivemos que perdernos polas rúas e preguntar a bastantes persoas.
Ao acabar de cear, volvemos ao albergue e alí vimos películas todos xuntos, xogamos ás cartas, falamos ou incluso algúns xogaron ao fúbtol. E, finalmente, despois dalgunha que outra rifa, durmimos.
Pola mañá, ao día seguinte, madrugamos, almorzamos e collemos o autobús que nos levou ata a ría, concretamente, a Cesantes, onde subimos a un catamarán que nos levou á illa de San Simón. Esta preside a enseada de San Simón, no interior da ría de Vigo e atópase unida á illa de San Antón por unha ponte. Aínda que algúns de nós tiñamos visto esa illa desde lonxe, nunca pensamos que contemplariamos aquela fermosa paisaxe e que escoitariamos todas aquelas historias que alí había para contar.
A illa posuiu un antigo mosteiro que foi cantado polo poeta Mendinho na Idade Media (“Sediame eu na ilha de San Simón”); e entre os séculos XII e XIII estivo habitada polos templarios e despois polos franciscanos. E parece ser que en 1370, esta orde tivo que abandonar a illa e permaneceu case un século abandonada. Xa en 1589, foi saqueada por piratas ingleses, entre os que se atopaba Francis Drake.
Esta enseada foi testemuña da batalla de Rande en 1702, cando os navíos de Holanda e Inglaterra trataron de asaltar os galeóns de Castela. Parte do contido dos galeóns foi saqueado mais, antes a expectativa de roubo, decidiron tiralo ao mar.
Esta illa volveu a sufrir cambios e, en 1838, acondicionouse para convertela nunha leprosaría ou lazareto. Alí pasaban os enfermos a corentena antes de pisar terra firme, unha forma de impedir que as epidemias de cólera e lepra se propagasen aos territorios do interior.
Esta leprosería clausurouse en 1927 e, en 1936, coa chegada da Guerra civil española, os edificios da illa empregáronse como campo de concentración ata 1943. Foi bastante triste imaxinar os fusilamentos masivos que alí se produciron e recordamos entón a lectura obrigatoria en Lingua galega, a historia de Moncho, o protagonista de Noite de voraces sombras, mestre de Viveiro que pasou algúns anos da súa vida naquela illa.
Membros da Garda de Franco pasaban alí as súas vacacións e foi en 1950 cando algúns afogaron na ría ao caer da barca na que viaxaban á terra. Durante as explicacións contáronnos que era un día soleado de verán e o mar estaba moi tranquilo. Con todo, faleceron 43 persoas nunhas augas de tan só catro metros de profundidade. Por este motivo se clausurou a illa pero reabriuse como fogar para orfos desde 1955 a 1963. Tras anos de abandono, en 1999, as illas de San Simón e de San Antón foron declaradas Ben de Interese Cultural e comezou unha reconstrución que deu no que hoxe podemos visitar.
Ao chegar a terra outra vez, entramos no Museo de Meirande, o Centro de Interpretación da Batalla e o Patrimonio Cultural de Rande (“Fábrica do Alemán”), onde nos contaron con detalle a historia da Batalla de Rande, no 1702. Nese ano, saíra da Habana unha expedición, acompañada por unha escuadra francesa, cargada de valiosas mercancías e tesouros que se dirixía á Península. Os galeóns refuxiáronse en Vigo, onde foron atacados coa carga no seu interior; outros afirman que os tesouros xa foran desembarcados. Desde entón e ata hoxe, realizáronse centos de inmersións nas augas da ría para buscar o tesouro. Gustounos saber alí que Julio Verne convertiu ao Capitán Nemo no primeiro cazatesouros da ría de Vigo na súa novela 20.000 leguas de viaxe submariña.
E tras este último museo, fomos ata a comarca do Sar, concretamente, á terra dos famosos pementos de Padrón, onde comemos e tivemos tempo libre para pasear e coñecer a vila. Finalmente, fomos ata a casa da “Matanza”, onde a nosa querida Rosalía de Castro viviu os derradeiros anos da súa vida. Escritora de prosa e verso, co libro Cantares Gallegos (1863) e Follas Novas (1880) elevou a poesía galega ao máis alto cume da súa historia. Tamén destaca na súa obra en castelán e incluso se sospeita que puid escribir algunha peciña de teatro. Impresionounos ver os seus mechóns de pelo que alí estaban gardados e o mobiliario.
E tras esta marabillosa visita, sacamos varias fotografías e emprendemos a viaxe de volta a Xove!