Cen escolares de 5º e 6º de primaria do centro participan no proxecto educativo que propón El Progreso, co patrocinio de Leyma Natura
Escola de prensa, a pioneira iniciativa educativa que está poñendo en marcha o xornal El Progreso co patrocinio de Leyma Natura, do grupo Leche Río, continúa atraendo a atención de centros educativos tanto da capital lucense coma do resto da provincia. Todos queren sumarse ao novidoso proxecto para permitir que o seu alumnado poida beneficiarse e gozar dunha aprendizaxe diferente, didáctica e ben entretida.
Son os pícaros máis maiores da etapa de educación primaria, os de quinto e sexto cursos, os que se suman a esta Escola de Prensa para converterse, ao longo de case un curso, en pequenos xornalistas noveles. Pero pronto aprenden. Grazas a un sinxelo programa informático, o Scribus, os nenos acceden nos seus ordenadores do colexio ás maquetas que despois encherán de textos e fotos para elaborar auténticas páxinas de xornal, coma as que ven nas súas casas ou fóra cando os seus pais len El Progreso.
suma de competencias. O director do colexio Divina Pastora, Óscar Bartolomé Fernández, apunta como principal valor do proxecto Escola de Prensa que «nel mestúranse varias competencias: a dixital, a lectora, de expresión e de traballo en grupo, todas altamente positivas para os pícaros». Tan interesante e útil como contribuír ao desenvolvemento desas competencias, estima outra vantaxe, a do «necesario acercamento que proporciona á realidade que arrodea a estes nenos, ao tempo que os dota dunha capacidade de describir o que sucede preto deles e tamén de desenrolar unha visión crítica».
Pero á marxe de todos eses argumentos académicos, tanto a dirección do centro e os mestres coma os propios pícaros amósanse tamén encantados coa idea de facer o seu propio xornal, porque os alumnos «tomárono con moitas ganas e ilusión, teñen moitas expectativas sobre todo de cara a desenvolver a parte práctica e estamos seguros de que o van facer moi ben», conclúe o director.
Coma eles, calquera centro educativo pode entrar a formar parte da Escola de Prensa, que se concebirá como un concurso que rematará o próximo maio e que premiará aos tres mellores imprimindo eses xornais nas rotativas de El Progreso no Ceao. Aínda hai tempo, porque o prazo de inscripción prolongarase ata o día 31 deste mes de outubro.