Os rapaces de tódolos cursos de secundaria aprenden a valorar e a analizar a súa contorna grazas ao proxecto educativo de El Progreso
Son 16 rapaces, o total dos que integran os catro cursos de ESO do CPI Plurilingüe de Navia de Suarna, e todos eles van participar de xeito conxunto no proxecto educativo Escola de Prensa El Progreso, que está poñendo en marcha o xornal lucense co patrocinio de Leyma Natura, do grupo Leche Río.
O reducido número de alumnos propicia que o seguemento de cada un deles, a medida que se vaia desenvolvendo este programa, sexa totalmente personalizado. Dese cometido vaise encargar como coordinador o profesor de Lengua Castellana, Félix Méndez, en colaboración coa profesora de Lingua Galega, María Alvariño. Méndez Teijeiro explica que, ademais de como unha actividade que lles permitirá reforzar nos rapaces a expresión e a escrita en ambas linguas, «vainos servir tamén para que aprendan a valorar e analizar o que pasa na súa contorna máis inmediata, no eido da comarca, tanto no aspecto económico coma político, social, cultural,etc.». Neste senso engade que «imos tentar que os alumnos de Secundaria se acostumen a facer unha análise crítica da realidade que teñen máis preto, vendo como lles afecta tamén a eles».
Ás veces serán realidades máis lonxanas as que teñan que traballar, pero que tamén poden ter consecuencias sobre a súa contorna e, en consecuencia, sobre a súa vida cotiá como, por exemplo, algunha normativa europea que afecta ao eido agrario ou medioambiental.
Os rapaces están entusiasmados con este novo proxecto que, aínda que se vai coar en varias das súas disciplinas, non deixa de ser unha actividade novidosa fronte á rutina lectiva habitual, e iso motiva especialmente aos rapaces para traballar e descubrir cousas novas, aprendendo dun xeito diferente, entretido e moi didáctico.
Prazos de inscrición. Como este centro educativo, tódolos de primaria e secundaria da provincia de Lugo teñen aínda aberto o prazo, ata o próximo día 31 deste mes de outubro, para inscribir os seus grupos de alumnos no concurso Escola de Prensa El Progreso. Os traballos, consistentes en que os pícaros e rapaces fagan o seu propio xornal valéndose dunhas maquetas que lles proporciona un sinxelo programa informático, prolongarase ata o mes de maio. Os tres mellores traballos imprimiranse na rotativa do xornal.