CRÓNICA DUNHA EXCURSIÓN Á MARIÑA DE LUGO
O grupo de Novas Rutas do colexio María Auxiliadora, formado por nenos de todas as idades e monitores, decidimos ir a coñecer con máis detalle a costa da nosa provincia. A viaxe foi moi divertida e interesante, xa que todo o que vimos e escoitamos naqueles lugares tan fermosos foi historia.
A nosa viaxe comezou saindo do colexio en autobús, conducido por una rapaza que nos tratou con moito agarimo: Silvia. Cantando, chegamos ao noso primeiro destino, o Museo do Mar de San Cibrao. Nesta antiga escola convertida en museo, aprendimos entre outras moitas cousas, os misterios do calamar, os barcos de pesca empregados ao longo dos anos e admiramos ósos de balea xigantes.
Como chovía, pensamos omitir a visita ao Porto de Burela, pero como ao grupo de Novas Rutas gústalle o risco, decidimos ver as instalación portuarias desde o autocar.
Máis tarde chegamos ao Castro de Fazouro. Un lugar impresionante, xa que é coma se nos illase da realidade. Alí, naquel cantil, imaxinei o bonito que debía de ser vivir naqueles fogares circulares nos séculos II e III d.C., e o difícil que debería de ser gañarse a vida por entón. Tamén o pasamos xenial na carreira que houbo que facer ata o atobús para non mollarnos por mor da choiva.
Xantamos nun colexio precioso de Foz, o Martínez Otero. Alí recibíronnos cos brazos abertos. Antes de continuar as visitas, tivemos un tempo libre no que xogamos todos xuntos coma un gran equipo no pabillón do centro: balonmano, baloncesto, fútbol…
Neste punto, tiñamos unas gañas incribles de que a excursión durase máis tempo así que engadimos una parada que non estaba na programación. Camiñamos pola beira da ría de Foz ata o paseo da Rapadoira. Paramos nun establecemento (especializado en xeados e chocolate con churros) para protexernos da choiva pero o maior motivo para entrar naquel lugar foi porque somos un pouquiño larpeiros… no bo sentido da palabra!
A gran sorpresa da tarde veu despóis… un lugar que, hei de admitir, o máis bonito da excursión: a Basílica de San Martiño. A construcción románica é a máis antiga destas características que se conserva en España. Unha vez dentro, explicáronnos numerosas historias e lendas: as razón de por que estaban pintados uns frescos e non outros, os obxectos atopados na tumba do Bispo San Gonzalo que liberou aos focenses do ataque vikingo… En definitiva, un punto da costa de Lugo cargado de beleza no que nos ensinaron cousas verdadeiramente interesantes.
Finalmente, subimos ao autobús rumbo á casa pero… aínda queríamos máis! Así que paramos en Mondoñedo. Vistamos a catedral, mercamos regalos e doces, merendamos, xogamos na praza… simplemente disfrutamos da parada.
Xa de noite, marchamos cara Lugo cantando, falando e bromeando coa mascota do grupo de Novas Rutas: un boneco peludo e azul ao que lle chamamos Bosco.
Se queredes vivir aventuras coma esta en primeira persoa, anotádevos en Novas Rutas! É un punto de encontro para rapaces e rapazas do noso cole e tamén para calquera outro de Lugo, no que podemos facer novos amigos. Non vos arrepentiredes, xa que compartimos momentos do noso tempo libre, convivimos, xogamos, aprendemos, realizamos excursións a lugares incribles… en definitiva, sempre o pasaredes ben e nunca estaredes sós!