Arte na Coruña
O pasado día 21 de decembro os alumnos e as alumnas de 3º e 4º da ESO e parte de 1º e 2º de bacharelato tivemos unha excursión á Coruña, organizada polo Departamento de Plástica e o Club de Lectura.
O primeiro que fixemos ao chegar foi visitar unha exposición temporal da obra “Cupido” de Parmigianino na Fundación Barrié; algúns compañeiros e compañeiras debuxaron a súa versión deste cadro para participar nun concurso.
Despois diso, comezamos coas actividades previstas para esta saída: primeiro fomos á sede de Afundación nos Cantóns para ver unha exposición chamada “A Arte no Cómic”. Esta exposición dividíase en tres ámbitos: o primeiro deles recollía a relación entre os grandes centros de arte e o cómic, a través de volumes editados por grandes museos como o Louvre ou o Museo do Prado; o segundo ámbito centrábase no cómic elaborado por autores galegos como Brais Rodríguez e Miguelanxo Prado, e o terceiro – e último- ámbito facía referencia a como as grandes obras da pintura aparecen reflectidas no cómic. Logo de que a guía nos mostrara toda a exposición, dividímonos en dous grupos. Un deles saíu facer un pequeno percorrido polas proximidades; o outro grupo fixo un obradoiro no que, de cinco en cinco, fixemos un cómic de grandes pintores, como Frida Kahlo.
Ao rematar tivemos un par de horas libres para xantar. Tras iso, os alumnos e alumnas de bacharelato achegámonos á sede da Real Academia Galega, na rúa Tabernas, para facer a presentación dunha versión do conto “Las medias rojas” de Emilia Pardo Bazán, ilustrada polo alumnado do noso instituto, á que asistiron a directora da Casa Museo da autora, Xulia Santiso, e a académica Marilar Aleixandre, en representación da RAG. Tamén estivo alí a Televisión de Galicia, e entrevistou a alumnado e profesorado do centro para incluír a nova no telexornal. Mentres, o alumnado da ESO facía un percorrido polos xardíns desa zona da cidade.
Ao final trasladámonos ao MAC (Museo de Arte Contemporánea) onde nos mostraron unha exposición de Lita Cabellut. Esta exposición contaba con máis de 60 retratos e instalacións (40 destas obras eran inéditas, realizadas pola artista no último ano e medio). Lita Cabellut descubriu a súa paixón pola arte nunha visita ao Museo do Prado, e comezou os seus estudos artísticos aos 19 anos. A especialidade que a catapultou á fama foron os retratos craquelados nos que desenvolve un traballo de “búsqueda obsesiva da beleza encarnada no corpo humano”.