(visita á central térmica de As Pontes e ao parque Aquaciencia de Ferrol)

O 30 de xaneiro viaxamos cara ás Pontes e Ferrol (A Coruña) para facer visitar central térmica de Endesa e o parque Aquaciencia.

A central térmica das Pontes é a maior de España e produce o 5% da enerxía eléctrica do país. Consta dun ciclo convencional composto por catro grupos xeradores, que é o que nos amosaron, e un ciclo combinado. O primeiro queima carbón e o segundo gas natural.

O guía comezou cunha explicación do funcionamento básico das partes da central de ciclo convencional, representada por unha maqueta. Deseguido repartiu uns cascos de seguridade e iniciamos un percorrido exterior, empezando pola visita ao parque de carbóns, onde almacenan o combustible importado de EEUU e Indonesia. O carbón, transpórtase ata a moa, onde se pulveriza, antes de pasar á caldeira.

Continuamos pasando pola cheminea de 356 m de altura, a torre de refrixeración da auga de condensación do vapor, as turbinas e alternadores que transforman a enerxía cinética do vapor en enerxía eléctrica e, por último -e non menos importante- a sala de control, onde un técnico nos explicou como se fai a xestión da central.

Para rematar, visitamos a antiga mina de carbón, xunto á central, que está acondicionada medioambientalmente como un lago de 17 km de perímetro e máis de 200 m no seu punto máis fondo. O lago conta cunha gran biodiversidade animal e vexetal, con especies autóctonas e endémicas de Galicia.

Despois da visita á central térmica das Pontes, saímos en dirección a Ferrol para comer no centro comercial e visitar o parque de Aquaciencia. Este parque é un xardín temático sobre a auga de 5.000 m2 situado no parque Raíña Sofía. O parque amosa as funcións ou solucións tecnolóxicas da auga mediante artefactos e outras construcións con fin didáctico.

Cando chegamos, chamounos a atención que houbese moitos “pavos reais” soltos polo recinto pero tamén había gaivotas e pombas. Seguimos ao guía encargado de explicarnos os experimentos que alí había. Segundo entramos, o primeiro que vimos foi unha clepsidra ou reloxo de auga, que foi un dos aparellos que máis nos gustaron xa que era simple pero ao mesmo tempo moi útil para a época. Logo vimos un acueduto, unha nora manual, unha central hidroeléctrica pequeniña ou un parafuso de Arquímedes para elevar auga, entre os vinte elementos distintos que hai no parque. Tamén nos sorprendeu unha esfera de 300 kg que se mantiña sobre a auga que circulaba entre ela e unha pedra cóncava, e que reducía o rozamento conseguindo que cun simple empurrón xirase durante minutos.

Por último, hai que falar da a ubicación do parque. Cremos que decidiron realizar esta exposición en Ferrol porque é unha cidade moi vinculada á auga que medrou grazas aos estaleiros. Ademais, o concello ten moitos quilómetros de praias e a lagoa e areal de Doñiños, unha das maiores extensións de auga doce de Galicia.