Elba, nome celta que significa »a que vén das montañas», camiñaba por un sendeiro cando se precipitou nunha cova; os seus restos mantivéronse alí grazas aos sedimentos que os cubrían.
Para falar de Elba temos que viaxar no tempo máis de 9.000 anos atrás, á época do Mesolítico –etapa de transición entre o Paleolítico e o Neolítico-. Situarémonos entre os concellos de Folgoso do Courel e Pedrafita do Cebreiro, en concreto no lugar de Chan do Lindeiro. Por estas terras camiñaba a moza Elba un día da primavera ou do inverno, e non o facía soa, ía acompañada por tres uros –animais semellantes aos touros e que se extinguiron arredor do ano 1600- sendo un deles de maior tamaño cós outros dous. Pénsase que era pastora e, exercendo como tal, Elba percorría un camiño cos seus tres animais cando se precipitaron no Sumio de Chan do Lindeiro, hoxe chamado Cova do Uro, do que xa non poderían saír.
As primeiras evidencias de restos humanos nesta cavidade lévannos ata 1981 durante unha exploración realizada por espeleólogos do Grupo de Exploracións Subterráneas (G.E.S.) Ártabros da Coruña e máis tarde, en 1998, membros do G.E.S. Brigantium atoparon fragmentos dun cranio humano así como restos de uro e de oso das cavernas. Finalmente, en 2013, o Club de Espeleoloxía A Trapa (CETRA) de Vigo elaborou unha topografía completa da Cova do Uro que permitiu realizar un modelo en tres dimensións e encargáronse da recuperación dos restos óseos de Elba nun depósito moi inestable e perigoso.
O proceso de reconstrución foi laborioso e realizouse na unidade de antropoloxía forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia en Verín. Consistiu nunha aproximación facial na que hai que ter en conta a importante marxe de erro que teñen as técnicas empregadas. A partir dunha réplica da peza cranial atopada, a artista forense Margarita Sanín comezou coa colocación de diversos elementos e materiais que permitiron chegar ata o modelo final. Algunhas formas son deducidas, pois non puideron aproximar os maxilares nin a proxección nasal. Deciden completala cunha perruca de cabelo castaño e darlle unha aparencia de muller nova seguindo os criterios correspondentes a unha muller en condicións de vida extrema.
As datacións radiométricas calibradas –como a proba do carbono-14- arroxan moitos datos e algúns deles moi curiosos, por exemplo sábese que Elba era intolerante á lactosa. Ademais determinaron a súa idade (entre 20 e 40 anos), a cor do seu cabelo e ollos e confirmaron que estaba acompañada por tres uros domésticos ou en vías de domesticación que dan lugar a pensar que a súa economía estaba baseada na gandaría.
Sobre a posibilidade de que os restos de Elba poidan ser expostos no Museo Xeolóxico de Quiroga unha vez que este sexa ampliado ou nalgún outro lugar do territorio do futuro xeoparque, o profesor Vidal Romaní dinos que non depende da vontade da Universidade da Coruña senón das decisións que tomen as autoridades científicas e talvez as autoridades locais.
Un dente de 17.000 anos en Becerreá.
Aínda que algunhas informacións apuntaban a que un dente infantil de 17.000 anos atopado en Becerreá era o resto humano máis antigo atopado en Galicia, Juan Ramón Vidal Romaní, profesor emérito da Universidade da Coruña, conta que ese dente nunca foi datado por radiocarbono senón que se aproximou a idade do sedimento onde se atopou e que despois se estendeu a mesma idade para o dente. Pola contra, Elba é real e foi datada, como tamén o foron os restos humanos atopados na Cova Eirós (situada no concello de Triacastela). Vidal Romaní non descarta que poida haber máis restos humanos no territorio das Montañas do Courel: ‘’o que acontece é que aínda non foron atopados’’.
(a imaxe é dos Cadernos do Laboratorio Xeolóxico de Laxe, Informe antropolóxico forense realizado por M. Sanin e F. Serradulla)