Unha semana intensa coa prensa en Salesianos Lugo
Este ano 2019 co motivo da Semana da Prensa, leváronse a cabo diversas actividades en todo o colexio Salesianos Divina Pastora.
Os máis pequenos, de Infantil, aprenderon as seccións dun xornal e realizaron un mural coas novas máis importantes deste. Os de 5 anos realizaron noticias divertidas para ler aos seus compañeiros.
A etapa de Primaria construíu un xornal titulado “O xornal de novas divertidas Salesianas”, onde se converteron en auténticos xornalistas para elaborar divertidas novas que se escolleron ao azar dentro de tres tarros: o tarro dos personaxes, o tarro do lugar e o tarro do momento. Quedoulles moi chulo!
Nos comentaron os mestres de Primaria que, ademais desta actividade, tamén se traballaron durante esta semana, de forma globalizada, contidos relacionados coa prensa escrita a través de distintas materias, os máis cativos reforzaban a ortografía facendo unha procura polo xornal das distintas grafías traballadas; os maiores, en cambio, escollían unha nova que lles gustaba para traballar a expresión oral coa presentación da mesma e sinalando as súas partes.
Cos xornais facilitados por El Progreso, traballaron por grupos cooperativos para distinguir as diferentes seccións que hai nun xornal, ademais da comprensión lectora e que serviu coma fonte para posteriormente levar a cabo un debate sobre o cambio climático, entre outros temas.
O alumnado de 2º da ESO traballou “aproveitando que é un contido curricular” na materia de Lingua galega os diferentes subxéneros periodísticos, pero máis en profundidade “na estrutura da noticia, reportaxe e da crónica, vendo características da linguaxe periodística”, e para dita tarefa, segundo nos contou a profesora, “servímonos de textos que aparecían en xornais na súa edición impresa e mais doutros de edicións dixitais, combinando así as novas tecnoloxías tan presentes no mundo actual”.
Os maiores da ESO, tamén traballamos coa prensa en diferentes materias: en Economía traballamos o contidos do tema “A economía internacional” a través da procura e análise de noticias e reportaxes de actualidade, que estiveran relacionadas coa globalización, o comercio internacional, o desenvolvemento sostible e as iniciativas como “Fridays For Future”, a Unión Europea e o “Brexit”, durante as últimas semanas.
Tamén na materia de Historia, buscamos noticias relacionadas coa etapa da historia que estamos a estudar: a Segunda Guerra Mundial, a Guerra Civil Española… Na materia de Filosofía fixemos unha reflexión ética sobre temas actuais como a violencia de xénero ou a igualdade.
Así mesmo, na materia de Lingua castelá, consultamos xornais e distinguimos os diferentes subxéneros periodísticos; tamén analizamos a publicidade, os mensaxes publicitarios, os slogans e os recursos periodísticos.