VIVA XOÁN BOSCO!
Festas no Colexio Salesiano Divina Pastora de Lugo

Como vén sendo habitual, no Colexio Salesiano Divina-Pastora, o día 31 de Xaneiro estivo dedicado a celebrar a festa do noso patrón, Don Bosco.
Sen embargo, ao longo de Xaneiro fomos preparándonos para a ocasión.

Durante o mes de Xaneiro, arrancaron as competicións deportivas entre as clases na hora do recreo en Primaria e a ESO.
O día 25 de Xaneiro, tivo lugar o Día do Carisma Salesiano, aberto a familias e educadores. E os tres días previos, (29 ao 31) se celebrou un triduo en honor a San Xoán Bosco na parroquia da Milagrosa.

Por fin, chegou o día 31, no que os alumnos e alumnas da ESO, Primaria e Infantil celebramos a festa do Santo comezando por unha celebración e seguido dunhas titorías sobre este; para finalizar co festival de PlayBacks dos alumnos e alumnas da ESO no que a temática deste ano lle rendeu homenaxe ao rei do pop, Michael Jackson e ao seu legado.

O día seguinte o alumnado de 2º, 4º e 5º de Educación Primaria e de 5 anos de Educación Infantil puxo en escena as súas obras de teatro, prepararadas con moito esmero. A de 5º de Primaria estaba ambientada nun accidente de avión e todo o que aconteceu despois dun aparatoso accidente. A representación de 2º e 4º de Primaria presentou dun xeito humorístico unha aldea galega pola que pasaba o camiño de Santiago. Con elas trataban de transmitir o carisma salesiano; xa que nunha saía o mesmo Don Bosco e na outra saían dunha situación complicada traballando en equipo. Os nenos e nenas de Infantil fixeron a súa particular versión do conto de Carrapuchiña Vermella no que o lobo non era malo, senón que os malos eran Carrapuchiña e a súa avoa.

Para rematar, os días 4, 5 e 6 celebráronse os festivais solidarios da ESO, Infantil e Primaria respectivamente. Neles representáronse as obras e Playbacks para as familias, pero neste caso con fins solidarios, xa que o donativo voluntario da entrada entregarase para Misións Salesianas nun proxecto de Vietnam e para o proxecto “Ningún neno e nena sen verán” da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia.