Atención MOZOS! chega a nova escola de prensa

O certame para pequenos xornalistas que organiza El Progreso acomete un profundo cambio de normas para facilitar que ningún colexio quede fora

XA NON SERÁ necesario facer un xornal enteiro para presentarse ao certame Escola de Prensa que organiza El Progreso. Agora, coas novas normas, coa presentación de soamente cinco páxinas, os colexios poderán sumarse a esta terceira edición da convocatoria para novos xornalistas. Con esta evolución preténdese dar cabida ao maior número posible de colexios, ao comprobarse que, sobre todo os centros máis pequenos, carecían de capacidade para realizar as 32 páxinas que se esixían nas dúas edicións anteriores.

Desta maneira, os colexios que se apunten poderán facelo con grupos máis reducidos de alumnos, coa única esixencia de que teñen que presentar polo menos un traballo en cada unha das categorías, é dicir, información, reportaxe, entrevista, reportaxe fotográfica e crónica/opinión. En resumo, con cinco páxinas un colexio xa poderá presentarse ao certame, que flexibiliza as súas normas así para adaptarse a todas as realidades.

Polo que respecta ás idades, seguirá habendo tres tramos: 5º e 6º de Primaria, 1º e 2º de Eso, e 3º e 4º de Eso. Cada un terá os seus premios. Á hora de pasar a papel os exemplares na rotativa de O Ceao, non se imprimirá un xornal dun só centro como gañador. Recompilaranse os mellores traballos presentados e imprimiranse todos no mesmo exemplar.

O resto seguirá funcionando do mesmo xeito. Na web de Escola de Prensa colgaranse as maquetas para plasmar cada unha das categorías, que se poden abrir mediante o programa de código libre Scribus.

Información, a categoría estrela

Unha páxina de información debe recoller no titular e os subtítulos o núcleo da cuestión que se quere abordar. Logo, no primeiro parágrafo responderase ao famosas cinco uves dobres. A información é o estilo fundamental dun xornal e máis da metade das noticias que aparecen cada día están abordadas como tal. A linguaxe empregada debe ser sobria, concisa, e ter rigor e obxectividade. Non se admiten a opinión ou os xuízos de valor e é desaconsellable o emprego de adxectivos cualificativos.

Reportaxe, para lucirse

Trátase dun estilo que ofrece unha explicación dos feitos. A diferenza da noticia informativa, a reportaxe é ocasional. O estilo utilizado na reportaxe é narrativo e creativo. Aínda que admite as apreciacións do xornalista, este non debe emitir constantemente as súas valoracións.
A fotografía que entra pola vista

Reportaxe fotográfica

A terceira categoría en liza é a reportaxe fotográfica, onde se conta unha historia utilizando imaxes. Só ten que levar un pequeno texto explicativo e o demais simplemente entra polos ollos.

Entrevista, o máis divertido e ameno

Non é unha casualidade de que un bo número de traballos dos últimos anos nos xornais escolares fosen entrevistas. O reto de conseguilas, a elaboración das preguntas, a transcrición e o enfoque son un reclamo perfecto para os escolares. Na entrevista o xornalista recolle con veracidade a personalidade o traballo do personaxe entrevistado.

j

Crónica/opinión, visión particular

O quinto reto deste curso é elaborar un texto interpretativo, ben a modo de crónica, onde se describen uns feitos e engádese a interpretación do xornalista, ou ben directamente de opinión, coas interpretacións claras de quen escribe sobre un tema concreto, normalmente polémico.

Normas do curso 18/19

Participantes

Poden participar os alumnos dos últimos cursos de Educación Primaria (5º e 6º) e Educación Secundaria Obrigatoria (1º a 4º de ESO) de calquera dos centros públicos, privados ou concertados da provincia.

Cinco categorías

Cada centro deberá presentar polo menos unha páxina en cada unha das categorías (información, entrevista, reportaxe, reportaxe gráfica e opinión/crónica). Xa non é obrigatorio elaborar 32 páxinas.

Non hai máximo

Cada colexio poderá concorrer co número de páxinas que queira, pero como mínimo deberá presentar unha páxina en cada unha das cinco categorías por ciclo. Cada páxina non pode ir asinada por máis de tres alumnos.

Envío de traballos

Unha vez finalizados os traballos enviaranse en formato orixinal e en PDF por correo electrónico. En todos os casos, os envíos do material deberá realizalos o profesor/titor, a través do correo electrónico que se habilite para o proxecto.

Xornais gañadores

Seleccionarase unha serie de traballos por cada ciclo educativo, que se imprimirán na rotativa de O Ceao. Imprimirase un xornal de 32 páxinas por cada ciclo, que incluirá os mellores traballos dos alumnos deste ciclo dos diferentes colexios.