O pasado xoves, 8 de marzo de 2018, foi o Día da Muller Traballadora e quixemos participar nunha concentración común para reinvindicar que xuntas somos máis.
Cada 8 de marzo celébrase a alianza entre mulleres, para defender os nosos dereitos conquistados e para continuar conquistando máis. Foi a unión de moitas mulleres no mundo a que conseguiu grandes vitorias para todas nós e a que nos forneceu dos dereitos que temos agora mesmo.
A data do 8 de marzo é unha data internacional e reivindicativa e na que, este ano, todas as mulleres do mundo estaban convocadas a unha folga feminista.
A maior parte das alumnas e profesoras do noso centro, o IES Perduro de Burela, fixeron o parón de dúas horas. E nestas dúas horas, para non quedarse na casa e saber que as mulleres temos voz, celebramos unha concentración feminista que tivo lugar no patio do IES Monte Castelo de Burela de 12h a 14h. Os alumnos e profesores quedáronse nas aulas como apoio ás rapazas e mulleres.
Varias rapazas e mulleres de ambos institutos leron textos, poemas e fragmentos de obras literarias en prol da muller. Deuse tamén lectura ao manifesto da comisión do 8M con acompañamento de música de violín en directo. As integrantes do grupo de rapazas caboverdianas Moreninhas cantaron Txica Bunita de Elida Almeida e a profesora de galego Neves Cando leu un fragmento de Todos deberiamos ser feministas da escritora nixeriana Chimamanda Ngozi Adichie, quen se afirma como “feminista feliz africana que non odia aos homes e a quen lle gusta levar pintalabios e tacóns altos para si mesma e non para os homes”.
Para clausurar o acto, conducido polas alumnas, cantouse ao unísono a canción “Matriarcas” de Guadi Galego.
A mobilización estudiantil feminista estivo organizada por alumnas de ambos institutos baixo o lema “Se paramos TODAS, paramos TODO”.
Á parte desta manifestación, tamén tivo lugar outra pola tarde na Praza da Mariña, á que estaban convidadas todas as mulleres da comarca.