PROXECTO TRAVESÍAS EDUCATIVAS. CHEGADA DO MOBILE GOAT Ó ILLA DE SARÓN
O pasado mes de agosto varou na costa de Morás un minibarco de fibra de aproximadamente un metro de eslora. Este barco, o Mobile Goat, foi preparado polos estudantes do Mobile Centre High School e botado ó Atlántico dende Terranova o 24 de novembro de 2016 (leva 432 días de travesía). O Mobile Goat, xunto con outros moitos, aproximadamente 70, forma parte do proxecto oceanográfico: Travesías educativas, impulsado por un navegante estadounidense, Dick Baldwin.
O proxecto conta cunha páxina web, (http.//www.educational passages.com/boats/) a través da que se pode seguir o percorrido de cada un dos barcos, dotados cun GPS, que permite a súa localización.
As coordenadas exactas do GPS do Mobile Goat, foron enviadas por un profesor portugués, mediante unha mensaxe de Facebook ós membros da comisión de festas de Morás, zona próxima a onde se encontraba varado o barco.
Segundo conta Sofía, membro da comisión, en principio tomaron a mensaxe como unha broma, pero decidiron seguir as coordenadas e atoparon o barco no espigón de abrigo de Alcoa.
O proxecto ten como obxectivo conectar escolas de todo o mundo, facendo que os escolares coñezan aspectos de navegación, correntes mariñas, medioambiente e que compartan experiencias culturais internacionais. De aí, que os rapaces de Morás contactaran coa técnico de Turismo do Concello de Xove, Lucía Sánchez que foi a que organizou a entrega do Mobile Goat á comunidade educativa do Illa de Sarón. Tanto os veciños de Morás como o alumnado están moi ilusionados con esta iniciativa.
Os alumnos/as de 2º de ESO foron os encargados de recibir o barco, e observaron con curiosidade algunhas das pegatinas que trae a cuberta do barco, tentando descifrar as mensaxes que quixeron transmitir os escolares americanos que personalizaron o barco.
Eles xa están cavilando en como cubrir os costados do barco con debuxos ou textos curtos, que leven información do noso instituto e do Concello de Xove, a outros centros educativos, onde os caprichos das correntes mariñas leven ó Mobile Goat, cando continúe a súa travesía.
Algún alumno do ciclo superior xa propuxo, poñer unha pegatina do Resurrection Fest, e os alumnos de 2º de ESO, o logotipo do Clube de Natación de Xove e da Asociación Cultural Saíñas .
O barco ten un compartimento no que introduciremos un lapis de memoria con fotos, cartas e vídeos dos estudantes.
No taller de tecnoloxía, fixeron coa impresora 3D, unha litofanía do Faro da Roncadoira, un lugar emblemático e de interese turístico do noso concello, que tamén enviaremos. Dende o faro pode verse a illa de Sarón, enclave que dá nome ó centro .
Unha litofanía consiste basicamente na proxección dunha luz (antigamente, dunha vela, pero tamén de luz solar) a través dunha lámina semitransparente na que se modela un volume. O cambio de grosor fai que ó trasluz varíe a opacidade de cada parte de tal maneira que as zonas máis escuras da imaxe orixinal están resoltas con maior grosor de lámina e as máis claras con menor grosor. O resultado é que ó pasar unha luz a través da lámina de litofanía vemos a imaxe en claroscuro.
A casualidade fixo que o noso centro conte cun ciclo superior de Moldeamento de metais e polímeros, por tanto o alumnado do ciclo encargarase de reparar con fibra, o minibarco que ten unha pequena fisura no casco.
A tapa que cubría o compartimento da cuberta desapareceu e perdeuse a información, que segundo di na páxina web, enviaban os estudantes. Xa atopamos unha tapa con tamaño adecuado para pechar ese espazo e poder incluír a nosa información.
O seguinte paso será repoñer a vela. Enviamos un email ao responsable do proxecto para informarlle de onde está o barco agora e transmitirlle o noso interese por participar activamente neste proxecto.
Pedímoslle que nos envíe información sobre as características da vela inicial, para encargar unha vela nova e proceder á súa instalación no mastro.
Cando o proceso de reparación e volcado de información estea rematado xa vos contaremos o seguinte paso, a botadura do Mobile Goat dende a Mariña lucense, para continuar a súa viaxe lonxe das costas galegas.