O CRISMÓN DA ERMIDA, PEZA SINGULAR
A provincia de Lugo é rica en restos arqueolóxicos, procedentes de diversas etapas. Un dos achádegos máis significativos pertence á época tardorromana. Trátase dun crismón, atopado na parroquia da Ermida (Quiroga, Lugo).
Un crismón é unha representación do cristograma ou monograma de Cristo (XP), que consiste nas letras gregas X e P entrelazadas, pois son as dúas primeiras letras do nome de Cristo en grego. Ademais, ás veces, aparece acompañado das letras alfa (α) e omega (ω), a primeira e última do alfabeto grego, que simbolizan a Cristo como principio e fin das cousas.
Esta representación gráfica de carácter simbólico foi tradicionalmente empregada como símbolo cristián. Dise que provén daquel sinal que viu no ceo o emperador Constantino I O Grande, antes da batalla de ponte Milvio, e que segundo se lle revelaba, axudaríalle a vencer, polo que mandou poñer o cristograma nos seus estandartes.
No caso do Crismón da Ermida, trátase dunha peza singular, que podería proceder do mármore das canteiras do Incio, feita posiblemente para un santuario ou para un mausoleo erixido por algún nobre romano convertido ao cristianismo. Esta peza, como xa se dixo, presenta unha inscrición en latín e iniciais en grego, pero, ademais, no bordo interior da circunferencia, tamén hai un texto en latín que di “O ouro é vil para ti, as riquezas de prata abátense mentres que ti brillas pola túa propia felicidade,” o que nos quere convidar a non darlle importancia ás riquezas materiais.
Esta peza única, de gran perfección formal, apareceu cando se fixo unha obra de restauración na fachada da Igrexa dos Remedios da Ermida (Quiroga, Lugo); estaba entre as pedras grandes e vermellas que antes conformaban a fachada, e podería ter sido usada, nun primeiro momento, como mesa de ofrendas, e non para empotrar nunha fachada; tamén existe a posibilidade de que tivese sido un elemento decorativo ou funerario. Pénsase que fixo de ara na igrexa de Santa María da Ermida, do século XII (derrubada en 1887 e substituída polo actual edificio), aínda que non se sabe certo; crese que foi esculpido a principios do s. V, cunha técnica elaborada. No 1925 foi trasladado ao Museo Diocesano e Catedralicio de Lugo, onde está exposto e, na propia igrexa, situouse unha réplica do crismón, feita tamén de mármore, no 2013.
Este descubrimento ten diversas implicacións a nivel da historia local, xa que permite concluír a localización xa nesta etapa dun núcleo importante do cristianismo (santuario ou similar). Ademais, existen referencias moi temperás á existencia da parroquia da Queiruga en documentos como “Parroquiario suevo” do século VI, o que pon de manifesto que segue habendo un culto relixioso relevante na zona certo tempo despois.
Ademais, sábese que no lugar onde hoxe se sitúa a igrexa existía un asentamento castrexo, e mesmo chegaron ata a actualidade lendas e contos populares ao respecto do propietario dese castro e das terras circundantes.
A presenza desta peza tan destacada e peculiar na Ermida, tamén permite supoñer o tipo de crenzas que os habitantes dese lugar tiñan a esa altura histórica: tendo en conta a frase inscrita na beira da peza, na que se indica que o importante non son os bens materiais, podería relacionarse co Priscilianismo. Esta interpretación do cristianismo foi predicada por Prisciliano no século IV no noroeste peninsular. Tiña como ideais fundamentais a austeridade e a pobreza, polo que pretendía que a Igrexa abandonase a opulencia e as riquezas para volver ás orixes das crenzas cristiás. O Priscilianismo, que se opoñía á escravitude e concedía moita importancia á muller, mesmo no culto, foi considerado unha herexía, e o seu creador foi
condenado a morte.
Sexa cal sexa a verdadeira orixe do denominado “Crismón de Quiroga”, os veciños e veciñas da Ermida, e por extensión, os de todo o val que se ve dende esa elevación do terreo, temos moita sorte de poder ter esta peza da arte paleocristiá entre os achádegos feitos na zona.
Emily González Gallego e Mario Quiroga Puga (4ºESO)