Dúas compañeiras nosas na selección galega de voleibol

Dúas estudantes do IES de Quiroga, Sofía Pérez Carballedo e Carolina Camino Fernández, acudiron o mércores 19 de abril ao campionato de España de voleibol, que se celebrou en Valladolid. Sofía xa asistira previamente (a mediados de marzo) a outra concentración, a de Soria, previa ao pre-europeo de Palencia, convocada pola Selección Española sub-16. As dúas xogan no Ribeira Sacra.

O campionato de España finalizou o sábado 22 de abril. Carolina e as súas compañeiras da categoría infantil acadaron un sexto posto, mentres que o equipo de Sofía, xogando na categoría de cadete, quedou no quinto posto.

Aproveitamos a súa presenza no centro para facerlles unha pequena entrevista:

– Como empezaches a xogar a este deporte?

Sofía: Empecei grazas a un profesor de Educación Física que tivemos no colexio.

Carolina: Cando estaba no 2º curso de primaria empezoume a gustar xogar nos recreos cos meus compañeiros. Logo miña nai, ao ver que a min me gustaba este deporte, apuntoume a esta actividade extraescolar. E, enseguida, un adestrador da Rúa, que ademais era o meu mestre de Educación Física, pediume que xogase no seu equipo.

En que ano comezaches a xogar?

Sofía: Empecei grazas a un profesor de Educación Física que tivemos no colexio.

Carolina: Comecei a xogar aos oito anos, alá polo 2010.

Cres que te dedicarás a este deporte profesionalmente?

Sofía: Non sei, é bastante difícil chegar a xogar profesionalmente, pero con dedicación e esforzo podería ser.

Carolina: Si, gustaríame moito.

Alguén na tua familia xa practicara este deporte?

Sofía: Non

Carolina: Miña nai xogaba a este deporte no colexio, nos recreos, pero ela dedicouse máis ao baloncesto.

Como foi para ti xogar o teu primeiro partido?

Sofía: No primeiro partido que xoguei enteiro sentíame moi nerviosa porque nunca antes fixera ningún tipo de deporte e temía facelo mal.

Carolina: Acórdome de que no meu primeiro partido eu era moi pequena, e non me daba conta de que era un partido. A min dixéronme: “Veña, pon esta equipación e sae aí a xogar. E eu non sabía que estaba xogando contra outros nenos para competir, pensaba que estabamos xogando.

– Como é a relación coas compañeiras do teu equipo?

Sofía: Nunca tiven ningún tipo de problema co resto de compañeiras.

Carolina: Non teño ningún problema con ningunha das miñas compañeiras, é máis, lévome ben con todas, pero teño máis confianza con algunha delas.

– Que sentiches ao saber que foras convocada pola Selección Española á concentración de Soria/Valladolid?

Sofía: Sentíame orgullosa porque valoraron todo o esforzo que levo facendo nestes anos pero tamén sentía nervios porque alí hai un nivel moi alto e nunca xogara con xogadoras de tanto nivel.

Carolina: Sentín moita felicidade, porque é unha gran oportunidade para min.

Podes facer unha pequena valoración desa experiencia, tanto no personal como no deportivo?

Sofía: A experiencia pareceume positiva porque personalmente eu son unha persoa á que lle custa moito falar con xente e puiden aprender que iso non soe ser bo. Deportivamente aprendín bastantes cousas que nun club normal non che soen dicir.

Carolina: Para min foi unha experiencia moi boa. No personal porque coñecín moita xente contra a que xogo no campionato galego. Conxeniamos moito á hora de xogar e levámonos moi ben. E no deportivo foi unha oportunidade competir a nivel máis alto con todo o que se aprende diso. Tivemos algunhas pequenas derrotas, pero non o tomamos moi mal, é dicir, o pasado pasado está, a polo seguinte. E tamén gañamos moitos partidos.

De cinco partidos gañamos tres e perdemos dous; gañamos contra Valencia, Castela e León, e contra Estremadura, e perdemos contra Madrid e contra Baleares.

En xeral, foi unha moi boa experiencia, tanto se perdemos como se gañamos. Quedamos de sextas, que para ser o campionato español, non está nada mal.

Que lle dirías a alguén que se inicia neste deporte?

Sofía: O único que lle podería dicer é que se de verdade lle gusta ese deporte, que non o tome como un pasatempo, e que lle poña moito esforzo.

Carolina: Tes que adestrar moito e ser a mellor en todo o que fagas, e loitar por ser a mellor, pero ante todo disfrutar do tempo que pases xogando.

Tes medo ás lesións?

Sofía: Nunca tiven ninguna lesión que non me permitira poder xogar, pero un pouco de respecto si que lles teño.

Carolina: As lesións non me preocupan porque son cousas do deporte, e non soen pasar moi frecuentemente.

Cantas horas lle dedicas ao volei á semana?

Sofía: Adestro 6 horas á semana.

Desexámoslles moito éxito na súa traxectoria deportiva a estas dúas compañeiras. Noraboa!

Adrián Vilariño Fernández (4º ESO)