FEMINIMO PLURAL”: OUTRO DÍA DA MULLER

O luns 13 de marzo pasado viñeron Silvia Penide e Carla López ao noso instituto para conmemorar o Día da Muller, co espectáculo “Feminino Plural”.

Elas queríannos amosar diferentes contribucións das mulleres ao longo da historia da música e da literatura, porque non sempre foron recoñecidas.

Antes ás mulleres non lles estaba permitido entrar en distintos espazos como as universidades; entón, para poderen acceder a eses lugares tiñan que disfrazarse de homes: por iso o dúo empezou a súa actuación cun bigote posto.

Tras explicar que agora as cousas cambiaron, quitaron o bigote e comezaron a interpretar pezas feitas por mulleres.

Algunhas eran obras de galegas, como por exemplo a canción “Matriarcas” de Guadi Galego ou un poema sen título de Lucía Aldao (publicado no libro Machismos, de micro nada).

Outras eran pezas de autoras españolas: poemas de Gloria Fuertes (de “La oca loca”) e cancións como “Yo no soy esa”, de Mari Trini, “Salir corriendo” de Amaral ou “Andar contigo” de Julieta Venegas.

Ademais interpretaron varias cancións de bandas sonoras feitas por mulleres e unha versión en galego da canción de Patti Smith “Because of the night”, da que é coautora xunto con Bruce Springsteen.

Ao final da actuación o dúo animou o público a cantar con elas uns versos da Sés (“Non son fada nin princesa a quen mirar”), cantautora galega que o curso pasado tempo deu un concerto no noso centro.

Esta actividade foi unha maneira diferente de conmemorar o Día da Muller, de xeito máis entretido, e serviu para darnos a coñecer a distintas autoras. Silvia Penide e Carla López animáronnos, ademais, a buscar información sobre elas e outras creadoras.

Na miña opinión, a actuación de Feminino Plural estivo moi ben. Gustaríame que houbese máis actividades deste tipo no futuro.

Claudia Jiménez Pérez (4º da ESO), IES de Quiroga