Homenaxe a Maruja Mallo

polo Día das Artes Galegas 2017

Este ano o 1 de abril dedícaselle a esta pintora pola importancia da súa obra e da súa figura pois estivo en contacto con artistas e intelectuais coma Salvador Dalí, Federico García Lorca, José Ortega y Gasset, Rafael Alberti, Pablo Neruda e María Zambrano.

Ana María Gómez González, coñecida como Maruja Mallo foi unha pintora e ilustradora rebelde e inconformista, sendo unha das artistas plásticas máis significativas das vangardas contemporáneas á xeneración do 27.

Esta gran pintora naceu en Viveiro (Lugo) no ano 1902. Despois de vivir noutras localidades galegas (Tui, Verín e Corcubión), en 1913 trasládase a Avilés onde vivirá toda a súa adolescencia e comezará a ter contacto coas artes plásticas.

No 1922 instálase en Madrid xunto coa súa familia. Matricúlase na Real Academia de Belas Artes, sendo a única moza que consegue aprobar o exame de ingreso (era moi difícil para unha muller matricularse nunha universidade naquela época).

Maruja Mallo coñece a Rafael Alberti no 1925, inician unha relación sentimental e realizan diversos proxectos artísticos xuntos e inflúense mutuamente. Ela ilustra e elabora decorados para algunhas obras del como “La Pájara Pinta”.

No 1931, obtén unha bolsa de estudios para viaxar a París, onde coñecerá a diferentes artistas (Picasso, André Breton, Paul Éluard ou Juan Gris). Regresa a España en 1933, preséntase a unhas oposición e termina obtendo unha praza de debuxo, o que lle dá a oportunidade de dar clases (só o fará un ano, nunha pequeña localidade).

Maruja Mallo foi unha das promotoras do movemento “sin sombrero”, co que un grupo de intelectuais escandalizou a sociedade da época por atreverse a saír á rúa sen esa prenda.

Esta pintora tivo que exiliarse en América pola Guerra Civil e non volveu a España ata o ano 1960. Neses anos mantivo trato con Rosa Chacel, Victoria Ocampo, Blanco Amor, Rafael Dieste, Luís Seone ou Eugenio Granell.

Aquí o seu recoñecemento como artista non se inicia ata a chegada da democracia, en 1978, aínda que a nivel internacional a súa figura xa pertencía á historia da arte contemporánea.

Posteriormente recibe diferentes premios: como Medalla de Ouro da Xunta de Galicia (1991) ou Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes (1992).

Esta artista de orixe galega, creadora e musa do surrealismo español, falece aos 93 anos en Madrid.

Este ano, no que a Real Academia Galega de Belas Artes escolleu a Maruja Mallo para celebrar a terceira edición do Día das Artes Galegas, desenvólvense múltiples actividades ao redor da súa figura: exposicións (como a do Museo Thyssen Bordemisza en Madrid, a do CGAC de Santiago, ou a que terá lugar no Museo Provincial de Lugo, onde conta cunha sala propia), ciclos de conferencias, actos conmemorativos en distintas cidades, publicación de obras en relación coa súa vida e a súa obra…

No IES de Quiroga sumámonos tamén a esta festa das artes cunha exposición no corredor da planta baixa, entre outras actividades. Alí pódense ver numerosas reproducións de fotografías e cadros seus. Inaugurouse o 18 de abril, aproveitando a “Semana escolar con Maruja Mallo”, iniciativa da Deputación de Lugo que achegou aos centros educativos materiais en relación coa pintora nada en Viveiro.

Paula Victoria Quijada Rodríguez (4º ESO) e ETS.