Manobras básicas de primeiros auxilios: a de Heimlich e a RCP

A finais do mes de marzo, o alumnado de 3º da ESO, 4º da ESO e 1º de BAC do IES de Quiroga recibimos formación sobre dúas manobras básicas de primeiros auxilios, na materia de Educación Física. Pola importancia que teñen, recoméndovos ler con atención estas indicacións para realizalas.

As dúas manobras das que vos vou falar son moi sinxelas pero ao mesmo tempo moi importantes á hora de salvar vidas. A primeira é a manobra de Heimlich, que se utiliza cando unha persoa se atragoa. O primeiro que temos que facer é animar a tusir á persoa e golpearlle nas costas. Se isto non funciona, entón colocarémonos detrás da persoa abrazándoa, de xeito que unha man envolva á outra, que teremos co puño pechado enriba do abdome. Entón hai que facer presións en sentido ascendente para provocar que o aire que hai nos pulmóns axude a expulsar o obxecto que obstrúe as vías aéreas. Os atragoamentos, cando non se solucionan acaban provocando parada cardio-respiratoria, de aí que sexa importante coñecer tamén a manobra de reanimación cardiopulmonar (RCP).

Ante o desvanecemento dunha persoa, se non foi por atragoamentos, debemos actuar rápico por se fose unha parada cardio-respiratoria. Para ilo, o primeiro que debemos facer é comprobar o seu nivel de consciencia, golpeándoa no ombreiro e falándolle preto do oído. Se non responde hai que comprobar se respira achegándonos á súa cara e vendo o seu peito. Mentres tanto, é importante avisar aos servizos de emerxencias nos teléfonos 061 ou 112. Se a persoa respira, debemos colocala en posición lateral de seguridade, para evitar a posible aspiración de vómitos; pero se non respira, haberá que iniciar a manobra RCP. Para facela, terás que colocarte de xeonllos ao carón da persoa, cos brazos extendidos e verticais sobre o seu peito, co talón da man no medio do peito e coa outra man enriba cos dedos entrelazados. A partir de aí faranse compresións torácicas entre 4 e 5 cm de profundidade. É moi importante que se faga forza con todo o corpo e non só cos brazos. O ritmo debe ser arredor de 100 presións por minuto. Non se para ata que cheguen os servizos médicos.

Dende aquí animámosvos a que aprendades ámbalas dúas manobras, porque son sinxelas e tamén moi importantes para salvar vidas.

DSC00381, recorte