Aldaolado no IES de Quiroga

 

Durante a súa actuación no IES de Quiroga (o 13 de febreiro) relataron historias da súa infancia, adolescencia e madurez; dende amores do pasado ata anécdotas da súa vida diaria de cando ían ao instituto, sen esquecer tamén as vivencias recentes da súa carreira como artistas. Ademais recitaron poemas de composición propia e Lucía tocou e cantou cancións tanto en galego como en castelán ou inglés.

Explicaron a colocación do pronome persoal átono no galego cunha canción de Rafael e Rocío Jurado, dos que tamén bromearon mentres explicaban a actividade; segundo Lucía ía cantando a devandita canción, María explicaba o porqué da colocación do pronome nese caso.

Posteriormente contaron historias sobre frases e graffitis que se encontran en paredes, pontes, túneles e demais lugares con posibilidade para a escritura. Algunhas incoherentes, outras con faltas de ortografía. O que a elas máis lles impactou, e polo tanto a pintada á que lle adicaron máis tempo, foi a dun rapaz chamado Álex, que escribiu en moitos e diversos lugares: “Alex estubo aquí”. Tras contar esta anécdota en moitos institutos, o famoso Álex corrixiu o seu erro ortográfico. Con todas as pintadas curiosas que foron atopando (e apuntando) escribiron un gracioso poema (no que había erros de todo tipo), que nos recitaron tras rematar a historia de Álex.

Ao final da súa actuación repartiron uns versos soltos entre o alumnado presente, cos que pedazo a pedazo, foron formando un poema «dadaísta», para demostrar que a poesía se pode atopar en calquera sitio e de calquera maneira. E que non só son poesía os libros de poemas, senón que está no día a día máis do que imaxinamos.

Nesta actividade, ademais de fomentar a poesía, neste caso entre os máis novos, tamén defenderon a utilización do galego sen prexuízos.

Quen é Aldaolado?

María Lado naceu en Cee (comarca de Fisterra) en 1979, é una escritora e actriz galega, titulada en Produción Audiovisual, que cursou estudos de Filoloxía Galega. Empezou escribindo no Batallón Literario da Costa da Morte, onde participou nos libros colectivos “Nós”, “Mar por Medio” e “Rumbo ás illas”. Posteriormente, participou en máis volumes colectivos e antoloxías poéticas. Tamén traduciu ó galego varios libros de literatura infantil para a editorial Cumio. Ademais é narradora e actriz de teatro.

Lucía Aldao naceu na Coruña en 1982 e é unha poeta e artista galega. Iniciouse na poesía durante a adolescencia, o seu éxito levouna a ampliar as súas actividades, levando unha carreira paralela como cantante e guitarrista ademais de escritora e animadora popular. Co proxecto musical AlDDao, formado co DJ Diego Delgado; comezou a gravación dunha versión de “She’s lost control” de Joy Division e está a preparar un novo álbum.

En 2005 xuntáronse para dar forma ao espectáculo poético “Onde esté un cubata que se quite un soneto”. Ambas constitúen o dúo Aldaolado, no que mesturan poesía, música, prosa e humor.

Paula González Martínez (4º ESO)