A diferenza doutros países da unión europea como Alemaña, Francia ou Italia, onde triunfa o leite pasteurizado, en España reina o UHT. Ademais, isto perxudica aos gandeiros locais.

Se tedes máis de 30 anos e vos criastes no entorno rural, ben seguro que recordades o sabor do leite fresco, a cantidade de tona que tiña, e sabedes a diferenza co leite envasado UHT. Existen dous grandes tipos de leite en canto ao seu procesado: o uperizado ou UHT, o máis consumido en España (supoñendo un 95,7 % no 2007) e o leite pasteurizado, máis coñecido como “leite do día”. O leite UHT (das siglas en inglés Ultra High Temperature, “ultra alta temperatura”) é un proceso que consiste en quentar o leite a unha temperatura moi alta (150-200 ºC) durante moi poucos segundos, para logo enfriala rápidamente. Durante este proceso elimínanse case todos os microorganismos co fin de que aguante máis tempo sen degradarse. No proceso de pasteurizado, o leite é quentado a unha temperatura moito menor (63-75ºC) e durante máis tempo (dende varios segundos ata 20 minutos), deixándoa enfriar lentamente. Así elimínanse os axentes patóxenos pero consérvanse moitos dos microorganismos beneficiosos, as propiedades e o sabor do leite crú, ao ser un proceso moito menos agresivo. Isto significa que non aguanta tanto tempo e ten que estar refrixerado, o que dificulta grandes traslados ao aumentar os custos e esixir unha mellor organización, beneficiando aos gandeiros locais. Pese a isto, en España segue triunfando o leite UHT, por razóns de descoñecemento, comodidade, e polos intereses económicos de empresas dependentes da distribución. Italia atopábase nunha situación semellante á española no que respecta ao consumo de leite pasteurizado. Con campañas de formación e sensibilización, as industrias conseguiron invertir o proceso. Cabe mencionar que en Italia as industrias que operan son de capital nacional, e en Galiza, agás Leite Río, son foráneas. Unha das saídas é a reforma ou creación por parte do goberno de novos regulamentos que axuden a fomentar o seu consumo.