Viaxe ás orixes do cómic galego
O pasado 20 de xaneiro os alumnos de 2º e 4º de ESO e os membros do club de lectura do IES de Quiroga realizamos unha saída á cidade da Coruña para vermos unha exposición sobre o cómic galego, visitar o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía e a Casa-Museo de Emilia Pardo Bazán, que comparte sede coa Real Academia Galega.
A nosa primeira parada foi a sala de exposicións da Escola Normal de Maxisterio onde visitamos ‘’BDG 70: A revolta do cómic galego’’, unha mostra que xurdiu como resultado da investigación do filólogo galego Xulio Carballo sobre a Banda Deseñada.
Alí fomos recibidos por Manel Cráneo, artista galego do cómic e da ilustración, que ademais de ser un dos encargados de dirixir e deseñar a mostra, nos serviu de guía.
A exposición consta de varios espazos nos que se tocan diversos temas relacionados coa banda deseñada galega. O primeiro módulo está adicado á orixe do cómic en galego, que data de 1971, cunha publicación de Xaquín Marín que levaba por título ‘’O Emigrante’’. Outra das zonas está ligada á temática da ciencia ficción e á figura de Reimundo Patiño e a súa obra ‘’O home que falaba vegliota’’. Ademais tamén teñen presenza as tiras protagonizadas por nenos, como é o caso da Sabeliña; o fenómeno da censura; a prensa e as revistas.
BDG 70 foi un amplo percorrido pola historia da banda deseñada galega e os seus principais autores, entre eles Isaac Diaz Pardo, Miguelanxo Prado, Reimundo Patiño, Xaquín Marín ou Chichi Campos.
Durante os case tres meses que estivo aberta ao público, a exposición recibiu un importante número de visitantes e realizáronse diversas actividades paralelas.
Unha vez rematada a nosa visita a BDG 70, puxemos rumbo á casa onde naceu o 16 de setembro de 1851 Emilia Pardo Bazán, edificio que agora acolle a sede da Real Academia Galega ademais da Casa-Museo da escritora. Alí un guía falounos sobre a vida e obra de Emilia Pardo Bazán. A visita rematou no salón de actos da RAG, onde coñecemos máis datos sobre o traballo e historia desta institución.
Carlos Julio González Gómez (3º ESO)