PERCORRIDO LITERARIO POLA CONTORNA LUGUESA, por EMILY  GONZÁLEZ GALLEGO e MARÍA DOLORES GONZÁLEZ PRIETO   –   4º ESO

O pasado día 22 de novembro o alumnado do Club de Lectura do Instituto de Quiroga tivo a ocasión de visitar a Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei (Lugo), aproveitando tamén para dar un breve paseo por parte da vila para ir ata o cemiterio, e posteriormente desprazouse ata o lugar de San Clodio, onde fixemos a comida nunha casa («Vida de Aldea») dedicada a diversas actividades.

A visita á Casa-Museo comezou cunha pequena introdución do guía, Fran Rei, e coa proxección dun vídeo de Manuel María falando. Isto foi na planta baixa, no que se correspondía anteriormente coa palleira.

Logo de ver o vídeo, continuamos o percorrido pola casa. Fomos vendo as distintas habitacións, cunha pequena explicación do guía en cada unha. Primeiro vimos o dormitorio, coa súa cama e outros obxectos que pertenceron ao autor. Despois pasamos á sala de estar onde permanecen uns anteollos seus e algunha das navallas, aínda que esta colección está exposta noutro lugar da casa. No despacho está o seu escritorio con algúns libros dedicados e outros obxectos, a súa máquina de escribir e moitos dos seus libros colocados nunha estantería. Noutra das salas, están explicadas as súas experiencias, vivencias e biografía. E na última, están expostos todos os libros que escribiu. Na zona da entrada principal da casa está a tenda e a actual biblioteca co resto dos libros e documentos.

Cando rematamos esta visita, fomos ata o camposanto onde lemos algúns dos poemas de Sonetos ao Val de Quiroga ante a tumba do autor.

A continuación dirixímonos ata San Clodio, unha aldea preto de Lugo, onde un home nos permitiu cociñar e comer na súa «casa». Esta casa é un tanto peculiar xa que pasou de ser unha explotación gandeira a ser un espazo onde se celebran actividades de todo tipo.

O dono da casa traballou moito tempo nun proxecto ao que denominou «Vida de Aldea», onde a imaxinación está presente para todo, todo está reciclado e reutilizado: por exemplo, as luces do comedor reproducen o sistema solar, hai sillóns feitos de bidóns e palés, as columnas están recubertas de materiais e teñen formas de árbore…

Nunha parte de campo que ten preto da vivenda hai galiñas, ás que lles fixo tres corrais comunicados a través dun túnel baixo a terra. Nunha árbore que secara, aproveitou un oco no seu tronco para construír  unhas escaleiras por onde subir a unha casetiña feita por el, «a casa da árbore».

Noutro dos seus terreos, onde ten vacas, fixo un camiño ata unha zona onde hai “animais feroces”, cos que te tes que cruzar para poderes chegar a un lugar oculto, un espazo misterioso que transmite tranquilidade. No camiño de volta á explotación hai un recuncho perfecto para a lectura: con estufa e uns sofás tamén feitos con bidóns. Alí aproveitamos para lermos fragmentos dalgúns libros de Agustín Fernández Paz.

Antes de voltar a Quiroga, os rapaces e rapazas visitamos ademais as hortas que o propietario do lugar, Xosé Ramón,  aluga ás persoas para que cultiven nelas o que queiran.

Este home non só modificou a súa explotación gandeira senón que tamén mellorou algunhas cousas na contorna, pensando no ben dos veciños.

Cheos de novas ideas e despois de ver tanta creatividade só puidemos volver cun sorriso de felicidade na cara e encamiñarnos cara a Quiroga, logo da nosa visita á contorna de Lugo.