Unha parada no Camiño de Santiago: Vilar de Donas
Os alumnos do IES Perdouro de Burela de 3º e 4º ESO foron de viaxe de estudos a Palas de Rei, concretamente a Vilar de Donas visitar a igrexa de San Salvador.
O xoves 15 de decembro o alumnado de 3º e 4º ESO do IES Perdouro de Burela foi de viaxe de estudos a Vilar de Donas, onde se encontra a igrexa de San Salvador, próxima ao Camiño francés a Santiago.
Alí, o grupo foi recibido por Jesús, un veciño desta parroquia do concello de Palas de Rei. El explicou algunhas características importantes da igrexa románica que pertenceu a un antigo mosteiro do s. XII e que está considerada monumento histórico-artístico. A arte románica entrou a través do Camiño de Santiago xa que este era unha vía para conectar toda a cultura que había en Europa con España e viceversa.
A portada ten un arco de medio punto con catro arquivoltas. O templo ten a planta en forma de cruz latina. A xente daquela era maioritariamente analfabeta e explícabase a relixión a través da arte. Só o clero e a nobreza tiñan acceso á cultura.
Esta igrexa naceu pegada a un mosteiro. A fundación deste atribúese, segundo a tradición e o propio nome da parroquia, a unhas mulleres ou tamén cabe a posibilidade de que os monxes deste mosteiro chegasen a casar; de aí que houbese donas vivindo alí. A igrexa estaba vinculada á famosa Orde dos Cabaleiros de Santiago e tamén tivo vencello coa dos templarios. Foi un lugar de enterramento de importantes personalidades desta orde. Está considerada como Ben de Intererse Cultural dende o ano 1931, dentro do catálogo de monumentos do patrimonio histórico de España.
Os alumnos e o profesorado, despois de visitala, fixeron un descanso de 30 minutos para despois dirixirse á seguinte visita que tiñan pendente: o castelo de Pambre.