CANTO CUSTA O NADAL?, por Elena Vázquez, Miguel Silva, Felipe Feito, Paula Martínez FOTO: Miguel Silva(3ºB)
Luces colgadas polas rúas, estatuas luminosas nos balcóns do Concello, unha árbore iluminada na Praza Maior,… Insuficiente ou excesivo? Realizamos unha enquisa a profesores e alumnos do colexio San Xosé de Lugo, e isto é o que opinan sobre a decoración deste Nadal.
Dúas alumnas de 3º da ESO, coinciden en que melloran cada ano aínda que declaran que poden ser moito mellores, xa que « hai zonas que teñen poucas luces, como na Avenida da Coruña, onde chegan só á metade da rúa » quéixase Marta do Rego. Andrea Pérez opina que
« quedaría mellor outro tipo de decoración.»
A Rosa Rodríguez, profesora de primaria, gustáronlle as da Praza Maior e as do Concello, e pareceulle « moi elegante e ecolóxico ao empregar luces LED. »
Pola contra, Santiago Fernández, que imparte clases en secundaria, afirma que non é moi “fan” das luces de Nadal e propón suprimilas na cidade xa que « non o faría tan ostentoso, para reducir os custos. »
Nunha das cuestións, na que se pretendía saber se os cidadáns destinarían o diñeiro gastado na decoración a outros plans, obtivéronse respostas moi diversas.
Marta do Rego: Paréceme ben que se gaste diñeiro en decorar as rúas de Nadal, pero tamén habería que inverter noutros proxectos, como a educación.
Andrea simplemente afirmou que é un diñeiro ben invertido « xa que anima máis a cidade. »
Rosa Rodríguez: “É unha cuestión de prioridades. As festas celébranse sen malgastar, se que-dan dotacións importantes habería que eliminalo (o alumeado) e manifestar o Nadal doutro xeito”.
Santiago é máis directo, e di que « é preferible que se destine a fins sociais. »
Calcúlase que o gasto lumínico aproximado en Lugo este ano foi duns 40 000 €, fronte aos 400 000 € invertidos, por exemplo, en Vigo.
As alumnas opinan que « é unha inversión proporcional, tendo en conta o tamaño de cada cidade e o número de habitantes » tamén pensan que « Lugo non pode afrontar tal gasto económico (como o de Vigo). »
Non se obtiveron as mesmas respostas no caso dos adultos, que na súa maioría afirman que o gasto empregado na iluminación das cidades « é unha esaxeración en relación á necesidade social que existe nesta época de crise. »
Tamén comentan que é desmesurado e existen outras necesidades, pero « se gasta todo á lixeira.»
Pódense observar as grandes discrepancias entre adultos e mozos, que ven o Nadal desde puntos de vista moi diferentes.