O pasado xoves 15 de decembro o colexio Ceip o Salvador recibiu a visita duns monitores de Sogama que foron ás diferentes aulas do centro para facer actividades co alumnado.
Con eles vimos un vídeo sobre a reciclaxe, onde nos explicaba a onde ía o lixo, o importante que era reciclar, en que bolsa había que botar cada residuo, etc. e nel amosábase a gran cantidade de lixo que hai no medio do océano, pois existen verdadeiras illas de residuos.
Recordamos a lei dos tres erres e a clasificación do lixo, é dicir, que no contedor amarelo temos que tirar o plástico, os envases e os bricks; no azul, o papel e o cartón; no verde, o vidro; e no gris, os residuos orgánicos; así como a existencia doutros contedores.
Para demostrar o aprendido fixemos un xogo no que clasificamos distintos tipos de lixo en bolsas de catro cores: amarelo, azul, verde e gris. Tamén nos regalaron libros con xogos sobre a reciclaxe: crebacabezas, sopas de letras…
Foi un día moi entretido no que descubrimos a importancia da reciclaxe para o noso planeta, xa que nos demos conta dos problemas que os residuos xeran no medio ambiente e que nos afectan a todos.

Elaborado por: Lorena Iglesia Vila e Silvia Vidal Rey (Reporteiros da Pastoriza)