O día 21 de decembro as alumnas de 3º ESO PMAR do IES Perdouro participaron no programa Proxecto Neo de Radio Burela que se emite os mércores de 5 a 6 da tarde. Os condutores do programa son os profesores Bernardo Penabade e Karina Parga. O técnico que fai posible a gravación é Matías Nicieza e colaboran no programa varios alumnos de 2º ESO do IES Perdouro. Semanalmente, Lucía Rivas é a encargada de realizar a reportaxe gráfica de cada emisión.
Segundo as propias rapazas, o comezo da súa intervención desenvolveuse do seguinte xeito: “Cando chegamos, o primeiro que nos explicaron foi cando debiamos entrar para poder falar e tamén nos deron o guión do programa dese día para que soubésemos a orde e os contidos que se ían tratar, á parte das nosas entrevistas”.
Laura, Yaiza, Andrea, Damaris e Zaira foron convidadas a Proxecto Neo pola súa participación no concurso Escola de Prensa de El Progreso. Durante este primeiro trimestre, dedicáronse a cubrir distintas actividades que se realizaron no IES Perdouro de Burela, onde cursan 3º de ESO.
Laura Fernández explicounos en que consistiu a súa intervención e a das súas compañeiras: “Cando saímos en antena, comezaron a preguntarnos polas noticias que cubriramos, as entrevistas que fixeramos, quen nos propuxera formar o equipo para elaborar un periódico, etc..”
Andrea Santos, tamén participante no concurso Escola de Prensa El Progreso, expuxo como todas as integrantes do equipo puxeron o seu gran de area na gravación do programa: “Para que as cinco alumnas falásemos, cada unha escolleu unha viaxe ou charla dos cales deberían comentar o que máis lles gustou e contestar diversas preguntas que os locutores lles tiñan preparadas”. Foron así narrando as súas saídas escolares á igrexa de Vilar de Donas, ao Camiño de Santiago etc. Tamén informaron sobre o contido dalgunhas conferencias coma a de Xulio Xiz na biblioteca do IES Perdouro ou a da sensibilización sobre a violencia de xénero o 25 de novembro.
Despois diso, en palabras de Laura Fernández “tivemos o pracer de falar con Manel Freire, redactor xefe de El Progreso e unha das persoas encargadas do seu proxecto “Escola de Prensa”. El informounos da ilusión con que afrontan este reto e de que estes concursos son interesantes para que os rapaces vexan o traballo que leva a cabo un periodista na redacción, as características textuais que presenta cada xénero xornalístico ou como funciona o programa para poder darlle a forma ao periódico, etc”.
Manel Freire continuou preguntado ás alumnas se xa tiñan alguna reportaxe sobre o leite debido a que o patrocinador que lle deu vida a este concurso que ten El Progreso é Leyma.
Despois dalgunha outra pregunta, rematou o programa, non sen antes sacar unha foto de todos os que aquel día estiveron alí para recordar o momento en que participaron en Proxecto Neo.
Este programa de Radio Burela, o número 178, e outros máis, están dispoñibles en internet na páxina web proxectoneo.blogspot.com para os que non puideron escoitalo o mércores ou queiran escoitar outros programas.
Laura Fernández Galán
Maruxía
IES Perdouro
Burela