O proxecto educativo Escola de Prensa El Progreso, que organiza este xornal co patrocinio de Leyma Natura, do grupo Leche Río, e que leva parello un concurso, botou a andar cun total de 71 equipos integrados por máis de 1.500 estudantes de educación primaria e secundaria de 36 centros da provincia de Lugo e das Pontes.
Todos se puxeron xa mans á obra, a traballar para confeccionar os seus particulares xornais, e fano con ansia porque saben que, ademais de aprender moitas cousas novas sobre a práctica xornalística e a contorna que os arrodea, participan nese concurso que premiará aos tres mellores traballos coa impresión dos mesmos nas rotativas de El Progreso, coma un auténtico xornal. Os rapaces encárganse de todo, desde buscar a información e redactala ou facer as fotos, a despois cadrar todo nas páxinas.
Ademais, teñen xa na web de Escola de Prensa un video tutorial que facilita as tarefas de maquetación no programa Scribus (encadrar fotografías, modificar titulares, reverter ordes coa función Control+Z…).