Este ano no noso IES a maior parte das actividades para conmemorar o Día da Muller dirixidas ao alumnado tiveron lugar o 6 de marzo (pola folga convocada para o día 8 e pola saída extraescolar programada para o día 7).
O día 6, no corredor principal da planta baixa inaugurouse unha exposición de doce fotografías de mulleres da Ribeira Sacra, no seu día a día, realizando distintas tarefas cotiás no ámbito rural. Cada unha das imaxes conta cun poema composto especificamente para ela por Amelia do Val, unha poeta desta bisbarra.
Esa xornada, Vanessa Fernández López, unha das mulleres da asociación cultural As lucecús ribeirás, do Saviñao, achegouse ata o instituto para presentar esa exposición fotográfica, que nos cederon en préstamo ata final de curso.
Explicoulle ao alumnado de varios cursos como xurdira a idea de facer un concurso na rede (a través dunha convocatoria no Facebook) pedindo imaxes de mulleres rurais traballando (tiñan que estar feitas na Ribeira Sacra). Tamén foi detallando os pasos que seguiran para levar a cabo esa proposta ata rematar elaborando a exposición fotográfica que agora está exposta en Quiroga. Fixo fincapé en que era un traballo ao alcance de calquera persoa ou colectivo que tivese unha iniciativa clara.
Das imaxes achegadas ao Facebook da asociación, escolléronse as doce que obtiveron máis «gústame» nesa rede social e decidiron imprimilas en cartón pluma e poñerlles uns enganches na parte de atrás, o que supuxo un gasto mínimo e permite colgalas con facilidade. O maior problema foi a cuestión da diferente calidade das imaxes, posto que non había ningún requisito na convocatoria no referente á resolución.
Contounos que o obxectivo da asociación con esta actividade era dar maior visibilidade a estas mulleres e ao seu traballo diario, que non sempre é recoñecido pola comunidade á que pertencen. Por iso decidiron que o primeiro lugar onde se ía expoñer a selección de imaxes era nun espazo moi transitado das aldeas da contorna: as cantinas tradicionais. Nelas xúntanse os habitantes das aldeas e lugares próximos tanto para tomar algo á tardiña e festexar calquera cousa (ás veces hai cantos de taberna) como para ir mercar algún produto (teñen tenda ultramarinos).
Nas cantinas estiveron distribuídas as doce imaxes durante seis meses (unha en cada local); ao retiralas, comezaron o préstamo da exposición xa que outras asociacións culturais e de veciños pedínranlla para levala a distintos lugares. A Quiroga chegou dende Lugo, onde estivo no local de Cultura do País case un ano.
Pero isto non foi todo: outras actividades desenvolvidas no noso centro nesas datas para conmemorar o Día da Muller foron unha selección de fondos da biblioteca en relación coas mulleres (obras escritas por elas ou biografías de personaxes femininas) e a exposición de carteis elaborados polo alumnado da ESO para reivindicar esta xornada. Estas dúas mostras de materiais sobre a muller serviron de escenario para a sentada lectora dunha parte do sector feminino do profesorado que tivo lugar o día 8 de marzo.
Ademais, a finais de marzo, representouse unha versión de «Las literatas» de Rosalía de Castro, tamén coa idea de reivindicar a presenza das mulleres no ámbito laboral, neste caso no mundo da literatura, pero iso xa é outro artigo…