26-01-2017 JORGE BUSTOS – ADESTRADOR DO CLUBE VOLEIBOL EMEVÉ, POR: Uxía Ojea – FOTOS:
JORGE BUSTOS- ADESTRADOR DO CLUBE VOLEIBOL EMEVÉ
´´ O deporte axuda a mellorar as capacidades de concentración das persoas,o afán de superación, o sacrificio e o traballo en equipo´´.
Jorge Bustos, enxeñeiro de profesión, leva máis da metade da súa vida dedicada ao voleibol, primeiro coma xogador da máxima categoría, que tivo que abandonar por lesión, e agora formando e promocionando a canteira do Clube Voleibol Emevé.
POR: Uxía Ojea – FOTOS: CV Emevé
Canto tempo levas practicando este deporte?
Levo practicando uns 14 anos, dende que tiña 10.
Por que comezaches a practicalo?
Cando era rapaz, unha tarde acompañei a unha amiga ao seu adestramento no poli, e viume Bibi, que rapidamente me colleu da man, e púxome a sacar. Cansado de tanto fútbol, esta nova experiencia encantoume e decidín quedar.
Por que decidiches converterte en adestrador? E por que elixiches a liga feminina?
Estiven a xogar dez anos sen parar, gañei 6 campionatos galegos, 2 galegos de voleipraia, un subcampionato de España. En canto chegou o momento de pasar á Superliga, tiven a mala sorte de sufrir dúas operacións seguidas, o que me condicionou a perder a rutina de adestramento e estudo e tiven que deixalo ao non render. Cando intentei recuperala, o clube dividiuse e houbo un déficit de adestradores, onde a única solución foi “sacrificar” a miña carreira deportiva pola formación de cativos.
É compatible practicar este deporte cos estudos?
O deporte axuda a mellorar as capacidades de concentración das persoas, o afán de superación e o sacrificio. Estes valores que inculca o deporte determinan os niveis académicos dos estudante porque son trasladados ao seu entorno académico. Un deportista que adestra dúas horas ao dia, vai rápido a casa para adiantar as tarefas ou estudar e poder adestrar o dia seguinte con tranquilidade, sabendo que ten o traballo feito.
Sen ir máis lonxe, eu rematei os meus estudos de Enxeñaría Civil compaxinando máis de 3 horas de volei ao día, e nunca repetín no instituto!
Cres que o voleibol pode axudarte xa non só a formarte fisicamente senón noutros valores?
O voleibol , como deporte de equipo, axudaranos o día de mañá a poder traballar con xente moi diferente a nós ou pouco compatible persoalmente, pero poderase facer un bo traballo e acadar os obxectivos profesionais.
Tamén o voleibol e o deporte en xeral leva aparellado moito sacrificio. En rapaces novos isto vese moito máis agudizado, xa que ás veces por adestrar ou xogar os partidos de liga, teñen que renunciar a ir a aniversarios, pasear pola rúa ou a outras cousas para eles divertidas. Por isto, axudará aos nenos o día de mañá a enfrontarse con forza en situacións que requiran deste sacrificio. Sempre admirarei aos rapaces que ao igual ca min, elixiron este camiño, e motivareinos sempre a que o sigan, porque ao final, tempo de saír tedes todo o do mundo, tempo de adestrar e gañar cousas cos teus compañeiros, iso é ÚNICO!
O voleibol é egoísta por natureza (non só o voleibol, claro). Explícome: en idades escolares, a xente cunhas calidades físicas máis desenroladas ten máis facilidades para xogar sen tanto esforzo pero cando se van facendo maiores, aínda que teñas unhas calidades físicas mellores, sen técnica, non vale de nada ser alto ou forte polo que unha persoa con menos altura que se esforzou o dobre que unha persoa máis alta, verá recompensado o seu esforzo.
Por último, axuda a ter un control psicolóxico, e este si que é único do volei. Explícome: unha xogadora de voleibol, no momento no que non está forte mentalmente, ten máis posibilidades de erro e este erro prexudica a todo un equipo. Por exemplo: para poder empezar a xogar temos que sacar, e iso é unha actividade individual, que prexudica a todo un equipo. O xogador de voleibol erra para todos os seus compañeiros.
Que cres que é o máis importante para poder xogar na máxima categoría do voleibol?
Téñoo moi claro: constancia e sacrificio.
Dise que España ten moito menos nivel neste deporte que outros países , que opinas sobre isto?
España,é un país de pandeireta….Con isto quero dicir que, actualmente, temos fútbol ata na sopa porque os medios de comunicación só publicitan o que a xente quere ver e a xente só quere ver o que poñen pola tele. Por isto, animaría aos gobernantes a promocionar os deportes que non apoian tanto como o fútbol, porque estes precisamente contan con deportistas con moito potencial que con só un pouco de apoio das institucións poderían deixar a España nun nivel moi alto.
Cal é a túa meta esta tempada como adestrador do equipo infantil feminino na liga
autonómica e coas alevíns na liga local?
O meu principal obxectivo é consolidar un equipo de pequenas que se manteña moitos anos. Temos moi boas xeracións de xogadoras tanto en alevín coma en infantil, polo que optamos a gañar a liga autonómica que se nos escapou o ano pasado na final infantil. Pero, para acadar os obxectivos, primeiro temos moitos valores que ir aprendendo. Sen sacrificio, non hai recompensa!