ENTREVISTA Á BANDA FOLK DE RIBAS DE SIL
A Banda Folk de Ribas de Sil é un grupo formado por varios rapaces e rapazas dos concellos de Ribas de Sil e de Quiroga, e dirixido por Roberto Castro. Trátase da nova formación, xa que antes deste existiu outro grupo. Varios dos seus membros estudan ou estudaron no IES de Quiroga.
Organizan concertos solidarios para axudar aos demais desinteresadamente. Os integrantes desta banda teñen actuado en eventos como o aniversario da Radio Municipal de Monforte ou a Festa de Salcedo; e en diversos lugares como A Coruña, Mondoñedo e Lugo.
Actualmente este grupo é noticia xa que está realizando a gravación do seu primeiro disco. Ademais, a Banda atópase tamén a piques de comezar unha nova xira, polo de agora está prevista unha actuación solidaria o día 23 de abril.
A continuación, inclúese unha pequena entrevista aos membros desta formación.
Roberto Castro (violinista, gaiteiro, cantante e director)
Como é dirixir un grupo formado por rapaces e rapazas?
A parte máis importante da miña vida téñoa dedicada a traballar con rapaces. Debo de confesar que das actividades que levo feito, esta é a que máis satisfaccións me leva dado. Os rapaces sodes máis sinceros, nobres e en xeral máis sans do que somos os maiores; e é para min un pracer estar rodeado de xuventude. Ademais, concretamente, na banda folk engado a isto a miña paixón pola música, e polo tanto estou dobremente satisfeito do resultado desta agrupación que está a acadar moito éxito alá polos lugares onde actúa.
Mario Quiroga
É un dos guitarristas do grupo, e afirma que lle gustaría dedicarse á música no futuro.
Estades emocionados co disco que estades a gravar?
Si, estamos moi emocionados pola gravación do disco, porque aínda que é un proceso que leva moito tempo, moita horas de gravación e de edición, sentímonos orgullosos do que estamos a facer. Sen dúbida é complicado pero moi interesante.
Raúl González
É o outro guitarrista do grupo. Di que lle gustaría dedicarse á música aínda que a teña como unha afección, porque cre que para poder vivir dela hai que ser realmente bo, e pensa que aínda ten que mellorar.
Cantas horas ensaiades á semana?
Cando hai unha xira próxima, a diario; e cando non, entre dúas e catro horas por semana.
Brais Fernández
O baixista do grupo, gustaríalle dedicarse á música porque di que lle gusta tocar coa súa banda pero tamén sen ela.
Cres que vai haber moitas vendas do disco?
Penso que se vai vender porque investimos nela moito tempo e traballo e iso a xente recoñéceo.
Nerea Peralbo
Toca a mandolina no grupo. Gustaríalle dedicarse á música porque lle gusta moito tocar e afirma que cando sobe a un escenario é coma se non fose ela e perde a súa timidez. »Vivir da música sería algo incrible» di Nerea, porque é o que máis lle gusta, e nun futuro encantaríalle abrir unha academia de música e transmitir a súa paixón a outros nenos e nenas.
Ides actuar fóra de Galicia?
Polo de agora non, pero nun futuro pode que vaiamos tocar a Cataluña, Madrid ou Valencia. De calquera xeito, nós sempre imos facendo o que máis nos gusta, que é tocar, pasalo ben e facer que a xente se divirta connosco.
Lena Álvarez
É unha das teclistas do grupo, as súas palabras textuais ao preguntarlle si lle gustaría dedicarse á música foron as seguintes: »Gustaríame dedicarme á música, de feito estou a estudar a carreira de piano na Escola de Música Moderna de Monforte de Lemos. Porque me gusta a música e tocar moitos instrumentos: piano, guitarra, batería, ukelele… Tamén me gusta compoñer.»
É doado compaxinar os estudos e a música?
O problema é que fago moito deporte e claro, todo xunto é bastante complicado. Pero vaime ben no colexio polo que non é tan difícil en xeral. Téñome que organizar moi ben para poder compaxinar todo.
Uxía López
É a outra teclista do grupo que di que non lle gustaría dedicarse a música profesionalmente, pero si como pasatempo.
Hai bo ambiente no grupo?
Si, bastante bo.
Alberto Losada
É o percusionista da banda. Gustaríalle dedicarse á música nun grupo afeccionado, pero non vivir dela, xa que di que a cousa está moi complicada, pero que si lle gustaría ter un grupo formado con amigos para expoñer a súa música por diferentes lugares, ou tocar nunha banda.
Cantos quilos de comida chegastes a recadar como máximo?
No concerto no que máis recadamos creo que chegamos a case mil quilos de alimentos, e non me acordo en cal foi.
Verónica Álvarez
É a frautista do grupo.
É fácil formar parte dun grupo no que a maioría dos seus integrantes son rapaces/zas?
Pois hai días, moitas veces é divertido porque os rapaces son simpáticos, lévanse todos ben e hai un ambiente relaxado. Outras veces -por sorte menos- crispan un pouco porque perden o norte, non hai quen poida con eles e non conseguimos avanzar cos ensaios. Persoalmente, antes de decidir incorporarme ao grupo, estiven a dar voltas á decisión. Non son unha persoa moi neneira e tiña medo de non aturalos. Finalmente decidín que pesaban máis as ganas de volver tocar no grupo pero a sorpresa leveina cando, despois de pouco tempo con eles, deime conta de que eran rapaces excepcionais e doados de aturar. Por suposto, malia ser uns cantos anos máis vella, síntome completamente integrada no grupo. Trátanme de igual, se cadra cun pouquiño máis de respecto.
Mario González
É o presentador e acordeonista da banda. Mario afirma que só viviría da música, se obtivese un salario suficiente como para vivir ben.
De que época son as cancións que tocades?
Pois hai de moitas épocas diferentes. Hai cancións, por exemplo, da época medieval, hai cancións bastante modernas. É todo moi variado.
A maiores de todos eles, hai que ter en conta o labor de Guillermo Abraldes, técnico de son, e de Xosé Ramón Calvo, o anterior frautista, que por circunstancias persoais xa non forma parte do grupo.