Visita a El Progreso do IES Perdouro de Burela Descubrimos como se elabora un xornal provincial moi completo e actual. Nun intervalo de poucas horas, cóbrense as noticias, redáctanse, maquétanse, imprímense e distribúense os xornais por toda a provincia e algúns puntos de Galicia e España. O día 25 de novembro fomos de visita á rotativa de El Progreso en Lugo. Cando chegamos, o primeiro que fixemos foi sentar nun moderno auditorio que había nada máis entrar. Alí atendeunos María, unha traballadora de El Progreso, que nos explicou cal era o seu labor e o que iamos ver a continuación, que era un vídeo onde se nos ía amosar como transcorría un día para os xornalistas de El Progreso. O primeiro que se fai é asignar o número de páxinas a cada reportaxe, entrevista, etc… Despois colócase a publicidade para calcular tamén o espazo do que dispoñen para as noticias. Constatamos que un exemplar custa moi pouco para todo o que ofrece: moitas páxinas, moitos artigos e incluso outras publicacións que veñen como encarte no seu interior. Durante todo o día vaise traballar recollendo datos sobre os diferentes sucesos que vaian pasando ao longo da xornada e, ata as doce da noite, elabóranse os textos nas distintas redaccións (tamén nas comarcais), para enviar os planillos coas noticias xa maquetadas. Deste xeito, o xornal queda rematado para que se imprima na rotativa do polígono do Ceao. No proceso de impresión, o primeiro que se elaboran son unhas plantillas de aluminio para logo poder imprimilas. Cando rematou o vídeo, María mostrounos unha copia do primeiro periódico que se imprimiu, en agosto de 1908, data na naceu El Progreso, aínda que nun principio abranguía só o ámbito da cidade de Lugo. Foi máis tarde, cando alcanzou o seu carácter provincial. Despois de explicarnos alguns aspectos sobre os xornais daquela época, vimos unha presentación na que se expoñían os distintos tipos de texto que aparecen nun xornal, a estrutura dunha noticia, etc. Ademais, recibimos información sobre a distribución: como se ordenan os exemplares do xornal empaquetados, que saen antes os que teñen que ir a puntos máis afastados, que se calcula o número de periódicos para enviar máis a onde poida existir máis demanda etc. Todo está moi ben organizada para que en poucas horas durante a tarde e a noite se poida elaborar e repartir un xornal que pode ter máis de cen páxinas. A continuación, cando rematamos a quenda de preguntas, fomos directos a ver onde se imprimía o xornal. María, dentro da rotativa, mostrounos as planchas de aluminio onde se imprimían as páxinas dos periódicos e dependendo da tinta que se debía empregar, así se sacaban tantas planchas dunha mesma folla como se necesitase. Logo, procedimos a ver a parte onde almacenan os rolos de papel, os cales son moito máis lisos antes de pasar pola rotativa e engadirlles a tinta. As máquinas de impresión son enormes ao igual que os “cartuchos” de tinta que se utilizan para a impresión e que pesan arredor dunha tonelada. Cando xa rematamos a visita pola rotativa, a modo de obsequio, déronnos una bolsa cun xornal do día, entre outras cousas. Ao saír fóra fixemos unha foto para o periódico do sábado, así que puxemos a nosa mellor cara para, ao día seguinte, saír ben guapos no xornal. Laura Fernández Galán, 3º ESO EQUIPO MARUXÍA IES PERDOURO DE BURELA