RECURSORES MUSICAIS

A principios do século XX, na contorna do Val de Quiroga, houbo unha gran tradición musical, con manifestacións moi variadas, dende regueifas ata orquestras, pasando por grupos de música tradicional.

Entre estes intérpretes destacaron Carlos Rodríguez, Felisa (a gaiteira de Bendilló), Carmen Parada (a gaiteira de Ferreiros), o Penelo e os irmáns Veloso (Pepe e Álvaro de Forgas).

Algúns, como Carlos Rodríguez, Charles, descubriron a súa faceta musical voltando ás orixes da súa familia, en Paradaseca, no concello de Quiroga. Na festa deste lugar, escoitou o grupo “Os Trinta de Trives”, un conxunto de música tradicional. Grazas a este feito, Carlos pediralle ao seu pai que lle ensine a tocar o clarinete; este aceptou, e cando o rapaz dominaba o instrumento formou un quinteto, xunto con seu pai e tres amigos da familia. Este conxunto tiña un repertorio variado, que combinaba o concerto e o bailable.

O gupo chamouse “Os Celtas de Paradaseca”, e tivo moito éxito na zona e comarcas próximas.

Dado o seu interese pola música na súa mocidade, Carlos iniciou estudos con diversos profesores da contorna, ata que no ano 1951 regresou definitivamente a América, onde vivira na súa infancia. Neste lugar continou a súa recuperación musical das pezas tradicionais da zona quiroguesa e dos arredores.

Nos Estados Unidos creou varias formacións, que tiveron unha gran aceptación, como a orquestrina “Trovadores de España”, que se reagruparía co nome de “Ecos de España”. Mesmo despois de xubilado seguiu manifestando o seu interese pola música, daquela polo jazz, e promoveu a creación dunha big band (“The Golden Hechoes”).

Carlos Rodríguez tamén foi un home comprometido coa realidade social e política da República, polo que, tras a caída deste sistema político en España, tivo que agocharse moito tempo nunha cova, sen deixar por iso os seus estudos musicais.

Noutro ámbito musical atópase Felisa, a gaiteira de Bendilló, que se iniciou no mundo da música grazas ao seu tío, que a animou a probar esta faceta, aprendendo co señor Alfredo, na Pobra do Brollón.

Como Carlos, ela tamén formou parte dunha agrupación musical (“Las Perlitas”, segundo uunhas fontes, “As gaiteiras de Bendilló”, segundo outras), con integrantes da súa familia e da súa aldea. Algunha xente subestimábaa por ser unha muller, xa que na época non era doado ver a unha tocar a gaita, pero o certo é que onde actuaba era habitual que lle pedisen que interpretase algunha peza despois en solitario.

Pese ao pouco tempo que tocou, xa que cando casou aos 28 anos deixou a música (pola vida errante que supuña, indo sempre dun lugar a outro), tivo unha gran sona posteriormente.

Cunha biografía parecida atópase Carmen Parada, a gaiteira de Ferreiros, filla dunha parella de músicos (Avelino Parada Vide, violinista coñecido como “O cego de Ferreiros” e a súa dona Flora Pombo, de boa voz e grande sensibilidade musical). Carmen formou, xunto coas súas tres irmás e o seu irmán Arturo, a segunda xeración dos “Gaiteiros de Ferreiros”. Despois, Arturo creou outra formación con veciños deles, e as irmás quedaron soas, polo que foron coñecidas como “As gaiteiras de Ferrreiros”. Esta saga de músicos aínda formaría outros grupos de música tradicional, en vindeiras xeracións, posto que Arturo e o seu fillo Xosé Parada formaron parte de “Os Veltas de Ferreiros”, por exemplo. Tamén un fillo de Carmen, a gaiteira de máis sona da familia, tocou a gaita e aínda hai unha forte tradición musical en Ferreiros.

Tamén tiveron sona na zona gaiteiros como Manuel Rodríguez Seoane, O Penelo, que era coñecido por tocar no ferrocarril no percorrido de Monforte a Ponferrada. Aínda que o seu repertorio era escaso, e tiña tendencia a darlle golpes de máis ao bombo, era moi querido pois amenizaba o traxecto e as esperas aos viaxeros. Ás veces acompañábano con percursión a muller e os fillos. Non só exercían de antecedente dos músicos urbanos nos medios de transporte, tamén tocaban ás veces en diversos eventos festivos, e facían os tradicionais cantos de Reis polo Nadal. Era de San Pedro de Ribas de Sil, lugar onde aínda hoxe forma parte do imaxinario popular.

No que se refiere á presenza da tradición popular oral, na zona atopamos a figura dos brindadores, coñecidos noutros lugares de Galicia como regueifeiros, que se desafiaban mutuamente empregando cantos e versos para dirimir as súas rivalidades.

Do lugar de Forgas, nas montañas de Brollón, eran os irmáns Veloso, Pepe e Álvaro, dous grandes brindadores que estaban na memoria das xentes da zona ata hai pouco.

Con esta modalidade músico-poética, os brindos (orixinariamente cantares de voda, pero tamén cantigas de divertimento e desafío), amenizaban festas, vodas e outros eventos populares. O serán completábase coa presenza dun gaiteiro ou algún conxunto musical, para o baile.

A actividade dos brindadores comezaba contra a noite e moitas veces remataba ao amencer, ou mesmo horas despois, pois a retirada supuña declarar que o gañador era o outro. Cando se trababa dunha celebración que tiña lugar nunha casa, o habitual era que uns brindadores estivesen dentro, convidados, e outros, fóra. Estes últimos eran os que daban comezo ao desafío, no que se ían alternando coplas dos dous grupos.

Hai que engadir que os brindos ou regueifas (“Unha auténtica xusta poética, unha festa da palabra e do humor” segundo Pepe Mondelo) formarían parte dun amplo conxunto de manifestacións do patrimonio de tradición oral existentes en todo o mundo, tendo como principal característica común o predominio da improvisación.

A actividade musical desenvolvida na comarca nesta etapa non só é unha mostra do interese popular por estas propostas para o tempo de lecer, tamén demostra que había persoas con boas aptitudes para a música a pesar de teren pouca formación. Por outra parte, tal como se puido ver ao longo deste artigo, tocar resultaba un factor de cohesión social (en grupos familiares e veciñais) e un xeito de complementar os ingresos económicos da xente da contorna nunha época moi dura nese sentido.

Os/as intérpretes dos que se falou aquí son só unha parte dos que fixeron música na comarca, e se temos noticia detallada deles é grazas aos datos presentes en varios artigos de Xosé Pérez Mondelo, publicados en A Nosa Terra nos anos 2004 e 2005, onde recuperou estas figuras sonoras. Na actualidade, o seu traballo foi ampliado co labor de recolleita na zona realizada por Xosé Luís Foxo, que deu lugar á publicación dunha ampla recompilación de pezas no 2016.

Alberto Losada Santos (4º ESO) e ETS.

Agradecemos a Pepe Mondelo a cesión das imaxes de Felisa de Bendilló (orixe: familia de Felisa Vidal), do Penelo (orixe: foto Vidal) e de Os celtas de Paradaseca