O día 16 de marzo no IES Perdouro inaugurouse unha exposición sobre o poeta Manuel Rodríguez López con motivo da celebración do Día internacional da Poesía, que foi o 21 de marzo. Nesta presentación participaron varias persoas: José Manuel Mato, o alcalde de Paradela, de onde era natal Manuel Rodríguez López; o director do IES Perdouro, Santiago J. Pérez Docobo; Antón Niñe, un dos profesores que fixo posible a presentación; Mariña Gueimunde, xefa territorial de Cultura; M.ª José Gómez, Xefa de Servizo e Coordinación da Área Cultural e Antonio Xiz, director de Galicia Dixital, promotor da exposición e colaborador na publicación do libro cos poemas de Manuel Rodríguez López.
Unha vez que se presentaron todos, expuxeron en que consistía a exposición e, a continuación, explicaron algúns datos sobre a vida de Manuel Rodríguez, chamado “o poeta obreiro”.
Este estivo vivindo en Barcelona e foi un gran transmisor da cultura galega nesta cidade. Manuel recibiu ao longo da súa vida varios premios e estivo colaborando con distintos medios de comunicación como por exemplo El Progreso.
A Manuel diagnosticáronlle cancro polos anos 90 e morreu no ano 1995 a causa dun derrame cerebral. Os restos do poeta foron trasladados ao Panteón de Paradelenses Ilustres despois de que no seu testamento deixara dito que quería ser enterrado en Paradela co rostro cara ao Páramo, onde nacera a súa esposa.
Ao rematar, déronnos o libriño onde están os seus poemas recollidos e tamén un folleto onde se expón a súa biografía e se mostran algunhas fotografías súas.
Laura Fernández Galán – 3º ESO
GRUPO MARUXÍA – IES PERDOURO