METEOESCOLAS EN QUIROGA
Este curso o alumnado de 3º de ESO do noso IES, igual que nos tres anos anteriores, recolle datos sobre o tempo climatolóxico todos os días lectivos da semana durante os recreos. Os estudantes de 3º dividímonos en cinco grupos de dúas persoas e un de tres: isto débese a que nos alternamos cada semana entre os grupos para a recollida de datos. No primeiro recreo, o grupo ao que lle toca recoller os datos do tempo vai ao despacho do profesor de matemáticas a coller un medidor de pH e unha garrafa para gardar a auga que choveu durante o día anterior. Despois de todo isto imos á estación meteorolóxica, e unha persoa encárgase de apuntar todo o que o outro compañeiro lle vai lendo nos aparellos que hai na estación. Estes aparellos son : un pluviómetro, un medidor de humidade, un termómetro e o medidor de pH que, á parte de medir o pH, mide a condutividade da auga. Todos os datos recollidos mándanse a MeteoGalicia. Máis adiante farase un traballo sobre Estatística na clase de matemáticas.
No noso centro temos unha páxina web onde amosamos información sobre Meteoscolas e onde subimos fotos para un concurso fotográfico do noso contorno feitas polo alumnado e profesorado (tamén se expoñen no instituto).
Saúl Fernández Rodríguez e David García Vecín (3º ESO)