O xoves 20 de outubro o xornalista Emilio Varela, especialista en temas medioambientais, achegouse ao IES Perdouro de Burela para darlles aos alumnos de 4º da ESO, de 1º de Bacharelato e ás alumnas de 3º PMAR unha pequena charla titulada “Atlantis, a ciencia do mito” co obxectivo de sensibilizalos sobre a actividade volcánica. Explicounos, dende un enfoque científico, o mito da “Atlántida” de Platón, historia da illa de Thera, xoia xeolóxica.

O xornalista centrou a súa esposición sobre a gran erupción minoica da illa de Thera, actualmente Santorini, hai máis de 3000 anos, que foi de intensidade 7, a maior que puido coñecer o mundo antigo e que acabou con toda unha civilización.

Falounos das catro fases da erupción:
1) Fase precursora: que cubriu as illas con 15 centímetros de cinza.
2) Fase pliniana: que alcanzou os 20 quilómetros de altura, liberou fluxos piroclásticos, gases perigosos, xofre e pedras pómez (a 240 km/h e máis de 700ºC) e deixou unha densa capa de tefra.
3) Fase freatomagmática: a auga do mar entrou na caldeira do volcán volvéndose o magma explosivo.
4) Os tsunamis: Varias ondas de máis de 18 metros de alto tardaron 20 minutos en chegar ata a illa de Creta. Trinta mil persoas morreron neste desastre de proporcións inimaxinables. Esta erupción foi 4.000 veces máis potente cá bomba de Hiroshima.

Foi unha charla moi entretida onde aprendemos moitas cousas interesantes sobre os volcáns e os fenómenos asociados ás erupcións que ocorrían e ocorren.

Yaiza Rivas Rivas, 3º ESO – EQUIPO MARUXÍA – IES PERDOURO, BURELA