O resplandor en Manzaneda

O pasado día 20 de febreiro, os estudantes do IES de Quiroga pasamos un día na neve.

Acudimos á estación de montaña de Manzaneda, que destaca pola posibilidade de practicar snowboard e esquí nela, sendo esta última a actividade que practicamos durante todo o día.

Pese a que iamos coa idea de que habería pouca neve debido ás altas temperaturas que estamos a ter neste inverno, sorprendeunos que había suficiente para a práctica deportiva. Despois de equiparnos cos materiais apropiados para a actividade, montamos no famoso “telesilla”.

Cando estabamos nel as vistas eran impresionantes. Ademais tivemos a sorte de que por motivos técnicos, o aparato detïvose, quedando parados no punto máis alto. Aínda que foron poucos minutos, deunos tempo de admirar a paisaxe e ata de sacarmos algunas fotos.

A continuación chegou o momento do curso de esquí, no que aprendemos cousas básicas como, por exemplo, a desprazarnos ou frear, e a deslizarnos polas pendentes. Tamén tivemos ocasión de aprender a montar na “percha” ou telesquí. Despois do curso, acudimos ao autoservicio para xantar e volvemos ás pistas, onde disfrutamos de total liberdade para realizar actividades.

Esta excursión gustounos moito, aínda que tivemos algunhas caídas, pero a experiencia de probar este deporte foi moi boa. Espero que se repita!

Ariadna del Pont Expósito (3ºESO)