APRENDENDO TEATRO

O pasado venres día 28 de abril o alumnado de cuarto da ESO do IES de Quiroga tivo un obradoiro de teatro con Eva F. Ferreira. Uns días despois, os outros grupos da ESO tamén tiveron a oportunidade de participar nesa actividade.

Titulada en Arte Dramática, é a directora da Escola de Teatro de Sober, e vén de gañar un premio no certame do Diario Cultural da Radio Galega. Esta non era a primeira vez que Eva Ferreira viña ao noso IES, xa que neste curso estivo aquí antes do Nadal co grupo de teatro afeccionado “Aureanas”, de Quiroga, que tamén dirixe. Naquela ocasión representaron unha versión teatral da obra poética de Manuel María Sonetos ao Val de Quiroga.

No obradoiro deu unhas leccións básicas de expresión corporal e improvisación, por medio de diferentes xogos lúdicos. Para desenvolver a faceta máis expresiva os rapaces e rapazas realizaron actividades como facer unha interpretación duns personaxes nunhas circunstancias e un lugar concretos (grupos de dúas persoas, sen guión previo) ou un xogo que consistía simular un obxecto inventado e explicar para que servía. Outra das propostas , neste caso para traballar a imaxinación, consistía en sentarse en corro no chan e coa axuda dunha esfera simular diferentes obxectos da vida real mediante a linguaxe xestual.

Ao final do obradoiro todos os participantes manifestaron a súa opinión sobre o que lles parecera a actividade; todos coincidiron en que non se fixera longo e que fora moi divertido xa que algunhas risas ao ver os seus compañeiro e a si mesmos nalgunha daquelas situación de interpretación non llas quitou ninguén.

Sairá unha canteira de actores e actrices do noso instituto?

María Dolores González Prieto (4º ESO)