O día de 13 de outubro fomos de viaxe a Samos e ao Cebreiro. Nesta viaxe participamos todo o alumnado de 3º da ESO. Fixemos un percorrido dunhas dúas horas en autobús dende Burela a Samos.
Cando chegamos a Samos, o primeiro que fixemos foi visitar un albergue onde a xente que está alí “traballando” son voluntarios que non cobran por facer eses servizos. Esas persoas soen ser peregrinos doutros países e soen quedar preto dun mes ou incluso menos. Despois de ver o albergue, tivemos un descanso dunha media hora para tomar a comida de media mañá e dar unha volta.
Primeiro, fomos ver a Capela do Ciprés. Logo disto, fomos ao Mosteiro de Samos, que é só masculino. Este mosteiro sufriu dous incendios, nos anos 1558 e 1951. Os monxes teñen case todo o que necesitan alí. Obteñen ganancias do que cultivan, do diñeiro que ganan coas visitas guiadas e das persoas que se aloxan na hospedería. Tanto peregrinos como estudantes que acabaron os seus estudos van alí para reflexionar ou preparar as súas oposicións xa que é un lugar moi tranquilo e silencioso.
Por último, fomos á Igrexa de Santa María a Real do Cebreiro. Ao entrar na igrexa, ao lado esquerdo, nunha estancia separada, atópase o baptisterio, onde hai unha pía bautismal feita dunha soa peza de pedra do século IX onde os bautizos se facían por inmersión do bautizado, que foi algo que nos chamou moito a atención. Co fría que debe estar a auga no Cebreiro en inverno!
Ao saír do baptisterio, na parte principal, encóntrase un Xesús Crucificado. Na ábsida da dereita está a Capela do Milagre. Alí están o cáliz e a patena que os Reis Católicos lles deron aos monxes cando foron recibidos na Igrexa. E na ábsida da esquerda atópase a Capela de San Bieito onde tamén se pode ver a lápida do que foi párroco da igrexa e gran impulsor do Camiño Francés e destas terras, don Elías Valiña Sampedro, que debuxou por primeira vez as frechas do Camiño de Santiago para que os peregrinos non se perderan.
Cando saímos da Igrexa xa non puidemos ir percorrer un tramo do Camiño, coma é habitual nesta visita, xa que o tempo non axudou, así que fomos ata Lugo para facer un descanso do autobús antes de volver para Burela.
Damaris Gabriela Popovici
3º ESO
MARUXÍA
IES PERDOURO
BURELA