CLUB DE MONTAÑA FORMIGUEIROS

O Club Formigueiros é un club de montaña fundado en Quiroga en xaneiro do ano 2014 por un grupo de afeccionad@s á montaña; recibe o seu nome do Monte Formigueiros que é a máxima altura da Serra do Courel.

Esta asociación, da comarca de Quiroga, hoxe en día ten 140 soci@s de todas as partes de Galicia.

O Club de Montaña Formigueiros está adscrito á Federación Galega de Montañismo. O día 5 de xaneiro do 2015 tramitáronse as primeiras licenzas federativas e na actualidade o CMF conta cun número de máis de 70 soci@s federad@s.

O Club finánciase cun pequeno aporte anual d@s seus/súas soci@s; dabondo para pagar un seguro de responsabilidade civil e manter a infraestrutura.

As actividades deste club son totalmente gratuítas e son propostas pol@s propi@s integrantes. As saídas tenden a ser pola zona de Quiroga, Courel, Asturias e León, pero tamén se visitou, no 2015, o Parque Nacional dos Picos de Europa e, no 2016, o Parque Nacional de Ordesa e Monte Perdido.

A parte de facer sendeirismo, tamén se fixo unha incursión no mundo da espeleoloxía e para este ano 2017 teñen previsto un achegamento ao descenso de canóns na Serra do Courel.

Tamén hai que destacar a función solidaria deste club de montañismo: no ano 2015 participouse nun proxecto de axuda a Nepal e no 2016 colaborouse cun roteiro a favor da asociación “Sonrisas Pelonas” (para axudaar a nen@s afectad@s polo cancro).

Ademais, cómpre salientar a súa implicación co mundo da cultura da que foi exemplo a organización do Roteiro dos lugares do libro Sonetos ao Val de Quiroga, do poeta Manuel María, en colaboración co IES Quiroga e a sección de linguas do CAFI de Santiago de Compostela.

Para difundir as súas actividades o CM Formigueiros conta cunha páxina web (www.cmformigueiros.wordpress.com) e cun perfil moi activo na rede social facebook.