PORTAS LITERARIAS: CASTELAO E ROSALÍA NO IES DE QUIROGA

Dende a biblioteca do centro promovéronse os últimos anos diversas actividades de dinamización, moitas delas, en colaboración co EDNL e o Departamento de Educación Plástica e Visual. Este é o caso da decoración dos corredores con motivos literarios. Un alumno e unha alumna que participaron nesta actividade en anos sucesivos, cóntannos a continuación a súa experiencia.

Este ano, para conmemorar o Día de Rosalía (o 24 de febreiro), no IES de Quiroga, ademais doutras actividades, decidiuse decorar unha porta coa súa imaxe. Unha parte do alumnado de terceiro da ESO, coa axuda do profesor de Educación Plástica Visual e Audiovisual, pintamos a silueta desta autora galega nunha das portas mellor situadas do centro, no corredor da planta baixa, moi preto doutra na que está a figura de Castelao.

Non foi un traballo doado porque tivemos que seguir varios pasos para facelo: en primeiro lugar houbo que elixir unha imaxe da autora; despois o mestre ampliou a escala da imaxe para que fose o suficientemente grande. Logo descolgamos a porta para que fose mais fácil pintala; a continuación, usamos un material de debuxo chamado carbón para calcar a silueta na porta e despois perfilouse cun pincel ese trazado. O seguinte paso foi encher o interior da figura con pintura deixando sen debuxar os detalles mais importantes e o texto do globo. Rematouse de facer ao día seguinte e acto seguido, puxemos de novo a porta no seu sitio para que todo o centro vira o traballo feito.

Rubén López Rodríguez (3º da ESO)

LEMBRANDO A CASTELAO: DÍA DAS ARTES GALEGAS 2016

O curso pasado, un grupo do alumnado de artes plásticas, xunto co profesor da materia, decidiu crear un recuncho no que lembrar a este importante personaxe galego. O lugar elixido foi o corredor da planta baixa do instituto polo cal pasan todos os estudantes para ir as súas clases a diario, e así de paso, darlle un novo uso a un espacio que non realizaba ningunha función: esa porta que hai en todos os institutos que ninguén sabe a onde leva…

O proceso consistiu en buscar un retrato que representara moi ben a figura e as características principais do autor. Unha vez seleccionada a imaxe (unha autocaricatura feita por Castelao) houbo que pasala primeiro a unha folla A3 e trazar unha cuadrícula nesa folla e despois trasladala á porta na que se ía facer o debuxo. Isto fíxose a escala para pasar o retrato respectando as proporcións e distancias. Para traballar mais comodamente houbo que desmontar a porta.

Cando xa estaba debuxado o retrato na porta pintouse o interior de cor negra.

Para rematar quedaba asinar e esperar a que secara para ver o resultado.

Agora o instituto goza dun recuncho para lembrar a este gran escritor e darlle mais vida ao corredor principal do IES de Quiroga.

María Dolores González Prieto (4º da ESO)