IMG_20161207_141854 recorte 1 IMG_20161215_141245bn, recorte

O alumnado de Educación Plástica, Visual e Audiovisual de 4º da ESO ilustrou o relato “Las Medias Rojas” de Emilia Pardo Bazán seguindo as indicacións do profesor da materia. Este traballo levouse a cabo durante dous meses aproximadamente.

Primeiro comezamos acudindo á biblioteca para documentarnos sobre como ilustrar un texto. Dividímonos en grupos de tres para buscar libros: cada un de nós tiña unha función concreta asignada (un buscábaos, outro tomaba notas de distintos datos sobre o exemplar e valoraba as súas ilustracións e o terceiro recreaba un dos debuxos elixidos de cada volume).

A continuación, cada grupo tivo que facer unha presentación sobre as distintas técnicas de debuxo (lapis de cores, témperas, acrílicos, tinta e acuarela) e unha vez rematada, expuxémola ante os demais compañeiros de clase, os cales valoraron o noso traballo mediante unha rúbrica (sistema de avaliación) que nos proporcionou o profesor.

A seguinte fase consistiu na división en escenas do relato, pois cada membro dos distintos grupos encargaríase de debuxar unha parte determinada. E así, cada un dos tres integrantes do equipo comezou cos esbozos das escenas correspondentes, a lapis e utilizando varios folios como borradores. Despois, coa axuda do profesor, eleximos os mellores esbozos e os reproducimos nunha lámina Din A3, os tres con distintas técnicas de debuxo (acuarelas, lapis de cores e tinta china).

Ao rematar as láminas, pasámolas a formato dixital para que o profesor tivese unha copia e puidese traballar con elas.

Cando rematamos o traballo, había catro versións ilustradas dese conto, unha por cada grupo.

En xaneiro visitamos a Casa Museo de Emilia Pardo Bazán. A directora pareceu interesada nesas ilustracións e falouse dunha posible publicación. O profesor da materia encargouse da maquetación das láminas, relacionando cada debuxo co fragmento do relato ao que fai referencia.

O noso traballo será enviado á Casa Museo de Emilia Pardo Bazán para que lle fagan os últimos retoques e finalmente o publiquen.

Poucas veces temos a oportunidade de realizar unha actividade co fin de publicala, así que desde o primeiro día puxémonos mans á obra, e tras un par de meses esforzándonos ao máximo, estamos satisfeitos co noso traballo e esperamos que ao público lle encante.

Luis Emilio Núñez Morales (4º ESO)